Saltar ao contido principal

Publicacións

Mostrando publicacións desta data: Agosto, 2013

Teño fame e sono e ti

Son días un tanto raros nos que soa a mesma música diferente. As rapazas morenas de ollos azuis convídante a bailar cando saben perfectamente que lles vas dicir que non. En xeral, as noites son agradables e calorosas, en exceso. Onte á noite acordámonos de cando U2 facían música e non cancións para anuncios, porque sempre hai que volver a eles (e isto díxome o punk con máis actitude que coñecín na vida, que é de Meira). Moitos soños foron feitos para os nenos, pero a maioría medraron con nós. Luces queimando a noite e moitas cousas a saír da cabeza. Escribir para un mesmo, para os amigos e para atenuar o paso do tempo cando en realidade o que queres é que o tempo pase, aínda que sexa en balde. É fácil non darse conta de que necesitamos aire para respirar mais e, aínda así, quen se para a valoralo? Pasa, igual que a mesma auga do río non te molla dúas veces. Teño fame e sono e ti. E aínda así, estou vivo.

doédesme, tamén, de rir

Xa contei aquí que para min, na nenez, o verán comezaba co olor frío e húmido dos cartóns das caixas dos xeados que viñan para o bar. Hoxe intentei pensar que significaba, que simbolizaba, que certificaba o remate do verán e non o teño nada claro. Pode que se cadra iso fose o día de hoxe, co remate das festas patronais e a marcha de moitas rapazas e amigos dos veráns. Xúrovolo, son hoxe unha bomba de sentimentos encontrados. Dóenme as pernas, o lombo, as mans de montar xantares, xogar con balóns, correr escapando... e dóeme a risa con vós, o peito de querervos, as bágoas de chorarvos tamén. Todo, incriblemente todo, se está facendo un botar de menos infinito. Un necesito o que non teño, uns anos que parecen non contar. Queira o destino que todo isto sexa o limiar de algo que por non coñecer veña farturento de felicidade, porque o necesito. Non me vexo a min mesmo a aturar (e turrar) dunhas cousas que me pasan pola cabeza coma centellas deixando un ronsel perturbador.

Crer perdido o xénero humano e non ter febre de facer calquera cousa en contra

"Isto era o terrible: a quietude na non esperanza. Crer perdido o xénero humano e non ter febre de facer calquera cousa en contra, ganas de perderme, por exemplo, con el. Estaba axitado por abstractos furores, non no sangue, e estaba quieto, non tiña ganas de nada. Non me importaba que a miña compañeira me esperase, reunirme con ela ou non ou mirar un dicionario era para min o mesmo; e saír a ver aos amigos, aos demais, ou quedarme na casa era para min o mesmo. Estaba quieto, era coma se xamais tivese un día de vida, nin xamais soubese que significa ser feliz, coma se non tivese nada que dicir, que afirmar, negar, nada meu que pór en xogo, e nada que escoitar, que dar e ningunha disposición para recibir, e coma se xamais en todos os meus anos de existencia houbese comido pan, houbese bebido viño, ou bebido café, xamais houbese ido á cama cunha rapariga, xamais tivese fillos, xamais me dese uns golpes con calquera, ou non crese todo iso posible, coma se xamais tivese unha infancia

Escribe cheo; edita sereno.

A cita máis recoñecida de Hemingway para o público xeral seguramente sexa “write drunk; edit sober”. Escribe cheo e revisa sereno. Unha pléiade enorme dos grandes nomes da literatura universal escribiron agarrados a efluvios etílicos. Hemingway e o seu gato Pola súa banda, xa sen entrar nas entrevistas ou nos seus escritos, Borges deixa sutilmente no seu Aleph a recomendación, baseada no xeito de facer dunha personaxe e que seguramente era o método que el seguía, como se debe emprender a escrita literaria: apoiado nos báculos do traballo e a soidade, primeiro abrir as portas á imaxinación e logo facer uso da lima. Borges, sempre tan sutil. Sei eu e sabemos todos que o uso da metáfora da lima non é accidental. A lima só serve para rematar, pulir... e nunca para engadir nada. Creo nisto. Séntete libre e que saia. Logo borra, tacha, reformula e/ou, se o ves ben, gárdao. Non sei moito de case nada e menos aínda de escribir, por suposto. Agora, unha vez xa postos, inten