Saltar ao contido principal

Publicacións

Mostrando publicacións desta data: Outubro, 2014

a nogueira de Crecente que meu pai plantou cando eu nacín

Estou escoitando unha canción que con 11 anos poñía para chorar, xa a letra o di. E desde pola mañá non parei de ver amigos. Unha Meira preciosa. Xente que me bota de menos aínda que só pasaron tres semanas. Meira preciosa en bicicleta. Un estraño sol de outubro que era coma o sol de antes de marchar pero que o cambiou todo. Sempre fun malísimo xestionando as miñas emocións. Hoxe comentábao cunha amiga. Son feliz con nada. Síntome realizado intentando ser quen son e confórmome con non enganar a ninguén. Aspiracións? Se cadra tivo máis ca min aquel profesor que contaba que chegase moi alto. E xa cheguei. Houbo alguén que me quixo. Vou ir polo coche, comprar queixo, sorrir. Por esa orde. Ou se cadra polo medio roubo algunhas noces da nogueira de Crecente que meu pai plantou cando eu nacín. Si, irei por noces. Queixo con noces. A canción era de Fairport Convention – Meet on the ledge.  

Confiar

Hoxe acordeime de que un día tiña que falar dos martes, porque sempre escribo xoves e hoxe é mércores. Realmente tiña pensado empezar por onde empeza todo, por espertar abrazados ou unha chamada para tomar algo cos amigos cando máis che fai falta. Son fanático das pequenas cousas, xa o sabedes, e creo no poder dun sorriso e que un abrazo a tempo pode salvar vidas. Tamén creo nos viños en vaso Duralex e no futbolín. Creo nas cousas que fan falta e onte facía falta. Hai que confiar na xente, descubrir grupos novos e aprender que en galego non hai o sufixo superlativo ísimo, así que xa non podo quererte moitísimo. Pero si podo seguir completamente tolo, deixar que me leves ver a Francisca Valenzuela e a Joe la Reina, cear na Nosa Terra e despois xa se verá. Apetéceme iogur, entón levántome, cólloo, boto un pouco de marmelada de amorodo e o sol sae coa condición de vernos sorrir. A ninguén lle parece importante instalar as actualizacións.