Saltar ao contido principal

Publicacións

Mostrando publicacións desta data: Agosto, 2015

Mundo pequeniño

Hoxe o mundo pareceume moi pequeniño, púideno ver enteiro. Aliñáronse tres factores que nunca antes coincidiran na historia do universo e nunca van volver a coincidir en millóns de anos: esa señora gadañando na herba nas curvas do Paraxó, o ciclista gordo co maillot do Astana que pasaba ao lado e, conformando un último punto para crear unha liña recta perfecta, o Q7 branco á súa vez a continuación do ciclista a velocidade constante. O meu punto de observación creou ese momento. Pareceume que incluso houbo un punto máxico porque foi coma se vise todo a través dun cristaliño temporal que arrebolaba a miña percepción sobre unha masa etérea, o coñecemento existencial profundo da continxencia. Comprobar que non me atopaba baixo o efecto de ningunha substancia diferente dun café con leite, lonxe de darme seguridade, sumiume nun limbo, púxome pisando un cable, coma se aínda non saíse de todo da cama e do soño. Pero ía conducindo, polo que fóra da cama estaba... pero e do soño?

Días xoves

Hai días que un se sinte como a clave, a doela central dun arco de medio punto, parte dunha arquitectura na que sen ti algo se desmorona. Case imprescindible dentro dunha engrenaxe. Outros sénteste triste e tan pouco útil como o tipo que aguanta o pao aquel co chismiño ao que lle apunta o topógrafo. Parece que non fai nada, pero alí ten que estar, aguantando do pao. E cando alguén lle di que se mova, que se afaste un pouco, alí vai, decidido. Ponse no sitio no que se ten que poñer e a medición resulta ben. Hai días así, amigas. Hoxe espertei pensando en vós. Durante dúas horas da mañá a miña cabeza estivo nas mulleres que pasaron pola miña vida e tentei reflexionar sobre o que eu fun para elas. Nada. Tempo perdido. (O de reflexionar sobre iso, digo). Se cadra fun o que aguanta o pao do topógrafo. Incluso algo máis triste: o que desbroza a medianeira das autovías que, sumido nun dilema eterno, nunca pode saber se vai no sentido correcto ou en dirección contraria. Tamén pode s