Hoxe o mundo pareceume moi pequeniño,
púideno ver enteiro. Aliñáronse tres factores que nunca antes
coincidiran na historia do universo e nunca van volver a coincidir en
millóns de anos: esa señora gadañando na herba nas curvas do
Paraxó, o ciclista gordo co maillot do Astana que pasaba ao lado e,
conformando un último punto para crear unha liña recta perfecta, o
Q7 branco á súa vez a continuación do ciclista a velocidade
constante.
O meu punto de observación creou ese
momento. Pareceume que incluso houbo un punto máxico porque foi coma
se vise todo a través dun cristaliño temporal que arrebolaba a miña
percepción sobre unha masa etérea, o coñecemento existencial
profundo da continxencia.
Comprobar que non me atopaba baixo o
efecto de ningunha substancia diferente dun café con leite, lonxe de
darme seguridade, sumiume nun limbo, púxome pisando un cable, coma
se aínda non saíse de todo da cama e do soño. Pero ía conducindo,
polo que fóra da cama estaba... pero e do soño?
No cruce da de Chaves, segunda a fondo
que o Mercedes é tracción traseira e sabíamos que nunhas poucas
horas os Phantom Dragsters estarían no Embora. Soaría Isla Tortuga,
eu sentiríame paseando ao lado da praia mentres o vento abaneaba os
teus cabelos. O Social Drive avisou de que había control na entrada
de Bertamiráns baixando de Compostela pero era tarde. Demasiado
tarde. Eu xa estaba parado escribindo isto.
Comentarios
Publicar un comentario