Nunca estiven de acordo en que meterse onde non te chaman fose malo. Ao contrario, as accións rompedoras, que marcaron a diferenza ou que cambiaron algo sempre estiveron protagonizadas por homes e mulleres que se meteron onde non os chamaban, porque pensaban que outra cousa era posible.
No fondo, este blogue vai ser iso. Unha oportunidade para meterme onde non me chaman escribindo sobre libros, sobre soños ou sobre o tempo. Porque, coma Borges, eu tamén escribo para min, para os meus amigos e para atenuar o paso do tempo.
Soños de hoxe foron moitos, varios, pero só me lembro de dous. Axitados. Estou mirando a cama e teño as sabas todas revoltas. Sobre todo foi o último o axitado. En Salcedo. O Oso xa recollera, a noite aparecera cedo e ela bicábame moito, escondidos. O de escondidos era porque a min me daba vergoña a cousa. Agora soa Nancy Sinatra e pode ser que fose bonito pero alguén nos vía. Ricardo. Cantos contos contarei? E Vielba fixo a canción. O outro soño era gañar un premio monetario e non cobralo para estar entre os amigos. Xa non era de noite e o sol mancaba nos ollos. Coriandro. Vodka con coriandro. A escena do crime. Domingo sen feira. Escribir outro pouco e se iso baixar tomar algo. Tomar algo un domingo sen feira? Cervexa, letras, punteos de guitarra e domingo sen feira. Punteos moi bos de Jarekus Singleton e unha pega grallando. Vou baixar. Cabaliño do demo.
Moitas veces escríbese aquelo que che gustaria ler, teu; sempre hai gusto porque alguén cho lea ademais da couza das gavetas ou o silicio dos discos de almacenamento; e, ao final, pasas o tempo entre caña e caña.Ou?
ResponderEliminar