Saltar ao contido principal

T-bone steak from Verín

Onte saudoume un home que eu non coñecía. Vaia, en realidade si que o coñecía, ou coñecino hai un tempo e esquecérame del, pero el acordábase de min. Veu falarme. Saudoume e sorriu:
─Ei, ese de Lugo, e que fas por aquí, de vacacións!?
─Dando un paseo... estou traballando cerca de aquí... ─dixen con moita timidez e sen aínda conseguir recoñecelo.
─Ahhh! Pensei que estarías de vacacións. (custoume asociar vacacións con estar en Ourense)
─Non! Levo pouco tempo traballando en Chantada e hoxe vin dar unha volta por aquí.
─Está ben, a pasar calor viñeches, heheh!
─A verdade é que aquí non se para, mimadriña!
─Xa te irás afacendo... E por Barcelona, non volviches nada?

Nese momento quedeime calado, absorto. Recoñecíame de Barcelona. Un flash na cabeza levoume ao mercado de Santa Catarina, vinme comendo ostras francesas e falando coa señora de Ourense que tiña unha labia enorme e me contara que casaran e viñeran xa para o mercado había 30 anos. Pero non era o home dela quen me recoñecera, iso tíñao claro, porque mentres comía as ostras só falara con ela e co fillo, da miña idade, que estaba limpando peixe e bebendo cervexa a iso das once da mañá. Descartados Manolo e Suso do Bar Soto, que me comentaran que unha época un deles vivira tamén en Ourense e Lugo, non me quedaban moitas opcións e fiei na cabeza: era o meu homónimo do Rincón de Galicia, que me contara que era dunha aldea remota “a onde ía o vento e daba a volta”. Sorrín.

Contesteille que non volvera por Barcelona, que senón xa lles tocaría aguantarme. Díxome que se alegraba moito de verme e que a ver cando lles facía outra visita. Tiña que marchar que esperaban por el para marchar prá casa. Eu tamén marchei. Nos corenta minutos de coche até a casa pasáronme pola cabeza unha barbaridade de ideas, lembranzas. Sentín que estaba sendo a miña propia personaxe.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

27_05 Cabaliño do demo

Soños de hoxe foron moitos, varios, pero só me lembro de dous. Axitados. Estou mirando a cama e teño as sabas todas revoltas. Sobre todo foi o último o axitado. En Salcedo. O Oso xa recollera, a noite aparecera cedo e ela bicábame moito, escondidos. O de escondidos era porque a min me daba vergoña a cousa. Agora soa Nancy Sinatra e pode ser que fose bonito pero alguén nos vía. Ricardo. Cantos contos contarei? E Vielba fixo a canción. O outro soño era gañar un premio monetario e non cobralo para estar entre os amigos. Xa non era de noite e o sol mancaba nos ollos. Coriandro. Vodka con coriandro. A escena do crime. Domingo sen feira. Escribir outro pouco e se iso baixar tomar algo. Tomar algo un domingo sen feira? Cervexa, letras, punteos de guitarra e domingo sen feira. Punteos moi bos de Jarekus Singleton e unha pega grallando. Vou baixar. Cabaliño do demo.

Soñar con unha Meira de xente nova traballando nela

Hoxe volvín a ter uns soños encadeados que duraron practicamente toda a noite, menos co primeiro co que espertei cedo, ese no que contei que estaba Meira nevada e non vou contar nada máis. O segundo di, conta e transmite moitas cousas porque foi enlazando e pasando dun lado a outro. Cada vez me pasa máis isto e vou enfiando un con outro. Como a práctica totalidade dos soños que teño, é en Meira, unha Meira que se vai facendo e collendo forma en plan do que o argumento onírico precisa. Mais, neste caso, era unha Meira como agora de aspecto pero con unha diferenza enorme: nela viviamos case todos e todas da nosa idade. Isto podo dicilo, o de todos e todas, porque me lembro perfectamente de cada un de nós e era xenial. Todxs traballabamos en Meira ou viviamos aquí, non nos víamos 3 veces ao ano como pasa agora (unha polas festas do 15, outra polo Nadal e outra polo entroido). Ben, pois nesta Meira na que traballabamos todxs, lembro especialmente a última parte. A primeira e

E vas e vés

Subín de Meira na bici despois dunha tarde moi gostosa tomando algo con quen non quedara. Sabedes que eu sempre acostumo a baixar só, a atoparme con alguén, aínda que sexa comigo mesmo. Pensei en Yoñlu. Víñeno cantando cando rememoraba a Vitor Ramil. “estrela, estrelaaa...”. “E vas e vés coma un avión ao vento frío dun lugar calquera. É bo saber que es parte de min”. Díxoo todo e, con 16 anos, cando nós tiñamos 21, decidiu marchar. Estas cousas son enormes. Acabo de esbirrar mentres cepillaba os dentes e o cristal do cuarto de baño pingouse todo de gotiñas brancas. Todo esvaído. Pensei en que subín na bici sen luces, pero pola beirarrúa. Se veñen os gardas e me ven sen chaleco reflectinte podo dicir que vou a pé porque non paso de 6 km/h. Pensei en que se cadra un coche podía desviarse e atropelarme. Pensei en Barthes, a quen atropelaron e tardaron en recoñecelo varios días até que alguén o botou de menos. Barthes escribía do que lle daba a gana, “a linguaxe é o mundo”. Escribir que