Saltar ao contido principal

partida pendente

Hoxe está sendo un día estraño, ou está acabando de ser, 10% día / 90% noite. Pasei moito tempo para esta frase. 100% noite. Había xa un par de semanas que non vía a Miqui, ao irse de vacacións coa nena grande, a nena pequena e na espera de alguén máis, :D , hoxe xa se facía un pouco obrigado. Tres rápidas ao xadrez, dous cafés con xeo e apareceu ela polo Jazz, moi innecesariamente:
─Cóbrame aí o café do de Meira.
─Ten pago ─mentira válida, eficiente, óptima pola parte de Miqui.
─Deixa, Miqui, e cóbrame a min todo. Bota un Black Label para ti, outro para min e coloca para a seguinte, saes ti ─excedín en cortesía e enchedura de peito.

Notei que ela me miraba revirado pero asumía de xeito diplomático a invitación. Colleu o Progreso e pasou a sentarse ao lado do curruncho onde acaba a barra e onde sempre se xoga ao xadrez. Soaba Donovan e iso envolvía a cousa semi-tensa, afrouxada polos acordes suaves do escocés. Miqui abriu coa de Larsen para fianchetar axiña. A min non me gustou pero respondín moi clásico, tal e como lle respondía con 16 aniños a Larsen a rapaza Polgar (a que hai 3 anos o 14 antes de arrancar as festas de Meira anunciaba que se retiraba): e5. A Miqui non lle preocupou e o alfil pasou a facer o que tiña que facer. Co meu cabalo en c6 sentinme seguro. Só me puxen algo tenso cando o brazo dela rozaba acompasada e interesadamente co meu ao ritmo do paso de páxina. Eu respondía tratando de esquivar o golpiño facendo que ía coller o vaso para darlle un trago. Mala idea. Se pasaba cada páxina de unha en unha serían vintetantas. Non ten o chupito tantos tragos. Íase notar. Parei un pouco. Varios minutos despois, pouco antes de que ela chegase a “Deportes” e nós coa partida toda desenvolvida e con só un peón de cada un fóra da mesa, Miqui reaccionou mentres toda a miña cabeza era darlle cancha á Raíña.
─Póñoche outro a ti, se che gusta! ─espetoulle ao ver que quen estaba bebendo todo o meu Black era ela.
─Pon para os tres ─respondeu con bastante seriedade, manifestando claramente a súa plena percepción de que estabamos “pasando suya”.

A partida acabou coma o rosario da Aurora (non da do Carballiño) e con dous peóns e torre contra raíña e alfil brancas tiveron que adoecer e firmar un empate a dúas e dúas partidas. Ían ser as sete, Coté estaba a chegar e Miqui xa case arrancando por Candela. E eu con ela ao lombo. Mirei o móbil. “Buff, van ser as sete e teño un 9% de batería. E encima ela...” -pensei. Ela non viu o que me quedaba de batería pero si que viu o que me quedaba de ganas de seguir alí.
─Hoxe igual está boa tarde para probar algunha das tapas do concurso, ou? ─fixo unha desas preguntas das que non sabes que contestar realmente.
─Téñome que ir que... xa hai un par de semanas que non vou pola casa e... moita roupa sucia e... meu pai...
─Veña, chao. Vai con xeito. Mañá avisa cando veñas.

Non sei en que momento oíu que mañá volvería ao Jazz ou se entendeu ás claras que o empate precisaba dunha resolución. Só sei que soaba Whiskey Woman. Para volver para Meira seguín con Los Peyotes, tónica desta semana, e ao Whatsapp escribíame para tomar algo o amigo que domingo pasado me dicía de ir comer á feira a Castroverde. Non sei se hoxe baixarei. Si ou non?

Comentarios

Publicacións populares deste blog

27_05 Cabaliño do demo

Soños de hoxe foron moitos, varios, pero só me lembro de dous. Axitados. Estou mirando a cama e teño as sabas todas revoltas. Sobre todo foi o último o axitado. En Salcedo. O Oso xa recollera, a noite aparecera cedo e ela bicábame moito, escondidos. O de escondidos era porque a min me daba vergoña a cousa. Agora soa Nancy Sinatra e pode ser que fose bonito pero alguén nos vía. Ricardo. Cantos contos contarei? E Vielba fixo a canción. O outro soño era gañar un premio monetario e non cobralo para estar entre os amigos. Xa non era de noite e o sol mancaba nos ollos. Coriandro. Vodka con coriandro. A escena do crime. Domingo sen feira. Escribir outro pouco e se iso baixar tomar algo. Tomar algo un domingo sen feira? Cervexa, letras, punteos de guitarra e domingo sen feira. Punteos moi bos de Jarekus Singleton e unha pega grallando. Vou baixar. Cabaliño do demo.

Soñar con unha Meira de xente nova traballando nela

Hoxe volvín a ter uns soños encadeados que duraron practicamente toda a noite, menos co primeiro co que espertei cedo, ese no que contei que estaba Meira nevada e non vou contar nada máis. O segundo di, conta e transmite moitas cousas porque foi enlazando e pasando dun lado a outro. Cada vez me pasa máis isto e vou enfiando un con outro. Como a práctica totalidade dos soños que teño, é en Meira, unha Meira que se vai facendo e collendo forma en plan do que o argumento onírico precisa. Mais, neste caso, era unha Meira como agora de aspecto pero con unha diferenza enorme: nela viviamos case todos e todas da nosa idade. Isto podo dicilo, o de todos e todas, porque me lembro perfectamente de cada un de nós e era xenial. Todxs traballabamos en Meira ou viviamos aquí, non nos víamos 3 veces ao ano como pasa agora (unha polas festas do 15, outra polo Nadal e outra polo entroido). Ben, pois nesta Meira na que traballabamos todxs, lembro especialmente a última parte. A primeira e

Meira-Praga (1/2)

Hai uns días pasoume que planifiquei un soño dentro dun soño, o que excedeu o de ter o dominio para poder ir e vir neles e que xa me tiña pasado. Diante dunha situación dada puiden desenvolver un argumento que me pareceu ben, re-pechar os ollos e seguir adiante coa historia. Esta noite non conseguín chegar a ese punto pero intenteino. Sei con certeza que unha parte importante dos microespertares que me levan estes días a acanearme sobre unha diversidade onírica, por outra parte sempre moi presente na miña cabeza, veñen motivados por diminutas picaduras de mosquitos. Hoxe a conxunción aínda se fai máis evidente xa que, ademais de por todo o corpo, na punta do dedo grande da man esquerda teño, en forma de inchazón, os restos da cea desta noite dun deses mosquitos polo que me acordo del a cada “d”, “c” ou “e” que tecleo. Pois ben, nunha das primeiras fiadas propúxoseme unha viaxe de mochileiro por Centroeuropa. Pareceume correcto. Entón dinlle unha volta para ter polo menos algunha moti