Saltar ao contido principal

12-12-2016: animais, feira, nenxs.

Esta noite soñei con que estaba polo Milladoiro e por Calo. Foi un hipersoño destes que parece que duran toda a noite pero para nada, ás 6 xa estaba esperto e de 6 a 8 tiven outro soño pero que se viu solapado polo primeiro. Como dicía, transcorre nalgún lugar parecido ao Milladoiro e a Calo e alí van pasando unha serie de cousas que tocan todos os paus e que non vou contar porque me levaría 30 páxinas. Deixo só o resumo.
Comeza o soño comigo andando pola rúa, logo entre os prados, nunha bicicleta, e vou vendo como cambiou todo (porque a verdade é que a paisaxe está irrecoñecible na súa evolución). Alí a xente aínda se lembra de min e vaime contando cousas que fixen daquela. Voume metendo por entre prados, fincas e camiños que teñen unha lóxica moi definida, até que chego a un punto no que os camiños se acaban e teño que deixar a bicicleta e comezar a andar a pé, incluso subir un valado case escalando. Aí comezo a ver animais salvaxes: esquíos, lebres, raposos, lontras... aos que podo darlle de comer e me veñen comer ás mans. Chego incluso a xogar con eles, pero isto créame algo de tensión porque penso que despois virán detrás de min e non me darei desfeito deles. Sigo avanzando sen saber cara onde vou e comezo a ver moitas casas idénticas, de decoración moi sosa e dunha soa planta, nas que case todas teñen as ventás abertas e podo ver quen hai dentro. Non recoñezo a ninguén. Hai tres casas separadas que parece que responden a unha mesma liña e que, malia estar separadas, teñen entre elas unha conexión. Achegueime a ver o que alí acontecía e resulta que estaban a xantar polbo á feira en diferentes dependencias. Era como unha caseta do polbo pero en varias casas diferentes, con habitacións pequenas onde cada familia xantaba soa. Un grupo convidoume a coller unhas talladas e continuei andando. Estrañoume non ver nenos e nenas, o público era todo adulto. Con esta idea na cabeza seguín andando e atopei unha casiña independente decorada de xeito moi estridente e con numerosos xoguetes nunha zona exterior cuberta. Había nenos e nenas de moi diferentes idades xogando entre eles dunha maneira realmente harmoniosa. Comprendín que así debían ser as cousas e non separalos por datas de nacemento. Decidín retirarme e volver a coller a bicicleta de volta, pero non lembraba onde a tiña. Entón de volta a pé levoume moito máis tempo e fun facendo unha recapitulación de todo o que vira e como podería explicalo xusto no momento que espertei.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

27_05 Cabaliño do demo

Soños de hoxe foron moitos, varios, pero só me lembro de dous. Axitados. Estou mirando a cama e teño as sabas todas revoltas. Sobre todo foi o último o axitado. En Salcedo. O Oso xa recollera, a noite aparecera cedo e ela bicábame moito, escondidos. O de escondidos era porque a min me daba vergoña a cousa. Agora soa Nancy Sinatra e pode ser que fose bonito pero alguén nos vía. Ricardo. Cantos contos contarei? E Vielba fixo a canción. O outro soño era gañar un premio monetario e non cobralo para estar entre os amigos. Xa non era de noite e o sol mancaba nos ollos. Coriandro. Vodka con coriandro. A escena do crime. Domingo sen feira. Escribir outro pouco e se iso baixar tomar algo. Tomar algo un domingo sen feira? Cervexa, letras, punteos de guitarra e domingo sen feira. Punteos moi bos de Jarekus Singleton e unha pega grallando. Vou baixar. Cabaliño do demo.

Soñar con unha Meira de xente nova traballando nela

Hoxe volvín a ter uns soños encadeados que duraron practicamente toda a noite, menos co primeiro co que espertei cedo, ese no que contei que estaba Meira nevada e non vou contar nada máis. O segundo di, conta e transmite moitas cousas porque foi enlazando e pasando dun lado a outro. Cada vez me pasa máis isto e vou enfiando un con outro. Como a práctica totalidade dos soños que teño, é en Meira, unha Meira que se vai facendo e collendo forma en plan do que o argumento onírico precisa. Mais, neste caso, era unha Meira como agora de aspecto pero con unha diferenza enorme: nela viviamos case todos e todas da nosa idade. Isto podo dicilo, o de todos e todas, porque me lembro perfectamente de cada un de nós e era xenial. Todxs traballabamos en Meira ou viviamos aquí, non nos víamos 3 veces ao ano como pasa agora (unha polas festas do 15, outra polo Nadal e outra polo entroido). Ben, pois nesta Meira na que traballabamos todxs, lembro especialmente a última parte. A primeira e

E vas e vés

Subín de Meira na bici despois dunha tarde moi gostosa tomando algo con quen non quedara. Sabedes que eu sempre acostumo a baixar só, a atoparme con alguén, aínda que sexa comigo mesmo. Pensei en Yoñlu. Víñeno cantando cando rememoraba a Vitor Ramil. “estrela, estrelaaa...”. “E vas e vés coma un avión ao vento frío dun lugar calquera. É bo saber que es parte de min”. Díxoo todo e, con 16 anos, cando nós tiñamos 21, decidiu marchar. Estas cousas son enormes. Acabo de esbirrar mentres cepillaba os dentes e o cristal do cuarto de baño pingouse todo de gotiñas brancas. Todo esvaído. Pensei en que subín na bici sen luces, pero pola beirarrúa. Se veñen os gardas e me ven sen chaleco reflectinte podo dicir que vou a pé porque non paso de 6 km/h. Pensei en que se cadra un coche podía desviarse e atropelarme. Pensei en Barthes, a quen atropelaron e tardaron en recoñecelo varios días até que alguén o botou de menos. Barthes escribía do que lle daba a gana, “a linguaxe é o mundo”. Escribir que