Saltar ao contido principal

Soños 14-12-2016: "Accidente" de camión no cruce para Riotorto

Tiven unha mala noite e erguinme con algo de dor de cabeza. Só lembro un par de soños. Coma sempre, un bastante longo que foi pasando por diferentes fases, escenas, ideas e intencións, e que eu seguramente asocio coma un único soño ao espertar de xeito definitivo, cando máis parecen diferentes soños pequeniños nos que polo medio hai semi-espertares que lle dan unha continuidade ao argumento (iso que a tantos, cando escribimos, nos rebenta a cabeza).

Esta vez o principal conglomerado da acción desenvolvíase arredor do Eo cando xa baixa da serra cara a Pontenova e comeza a dividir Galiza e Asturias, ou Galiza e esa parte de Asturias que falan mellor galego ca na metade do outro lado do Eo (en fin...). A escena centrábase nunha feira, unha feira tradicional, na que a xente de 50-60 anos vendía cousas a xente de 65-80 anos. Eu non tiña nada que comprar nin nada que vender, só ía dar unha volta e ver o que había, polo que o que máis me interesaba era atoparme con alguén. Alí atopei un coñecido ferreiro que me foi contando o que ofrecían en cada un dos diversos postos. Había cousas interesantísimas e fun todo ese cacho de soño devecendo por traer algo para Meira. A mañá foi pasando e decidimos ir a xantar a algún lado polo que nos puxemos a camiñar e ao pouco xa pasaramos a Órrea e estabamos no cruce para coller cara Riotorto (o motivo polo que se o que queríamos era ir xantar a Riotorto e fomos até o Marco de Álvare nin o sei eu nin o saberá ninguén). O caso é que paramos no cruce un anaco e comezamos a sentir un ruído moi intenso con derrapes, fortes bucinazos, até que vimos vir cara nós, totalmente descontrolado, un camión moi grande con morro estilo americano, e conseguín ver que quen conducía era un coñecido. Atravesouse no asfalto e foise cara un desnivel enorme. Tememos o peor, pero cando nos asomamos ao barranco comprobamos como estaba perfectamente xa que caera sobre unha nave industrial de tellado plano e alí andaba dando voltas. Viunos e saudou.

Entón comezamos a subir pero resulta que xa estabamos en Riotorto e viñamos cara aquí. Toda a xente estaba ás portas da súa casa ou polos balcóns e fiestras. Semellaba que alí ía pasar algo. Viñamos cara Espasande e a tensión e a expectativa eran moi altas. De súpeto, aparecemos vestidos de roupa de correr, na cabeza viseira Buff® e nos pés as New Balance® minimalistas de Krupicka. Ese foi o regreso a Meira, correndo, como eu facía hai uns anos. Comezando a baixar, entre o cruce de Piñeiro e a casa de Perán, espertei.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

27_05 Cabaliño do demo

Soños de hoxe foron moitos, varios, pero só me lembro de dous. Axitados. Estou mirando a cama e teño as sabas todas revoltas. Sobre todo foi o último o axitado. En Salcedo. O Oso xa recollera, a noite aparecera cedo e ela bicábame moito, escondidos. O de escondidos era porque a min me daba vergoña a cousa. Agora soa Nancy Sinatra e pode ser que fose bonito pero alguén nos vía. Ricardo. Cantos contos contarei? E Vielba fixo a canción. O outro soño era gañar un premio monetario e non cobralo para estar entre os amigos. Xa non era de noite e o sol mancaba nos ollos. Coriandro. Vodka con coriandro. A escena do crime. Domingo sen feira. Escribir outro pouco e se iso baixar tomar algo. Tomar algo un domingo sen feira? Cervexa, letras, punteos de guitarra e domingo sen feira. Punteos moi bos de Jarekus Singleton e unha pega grallando. Vou baixar. Cabaliño do demo.

Soñar con unha Meira de xente nova traballando nela

Hoxe volvín a ter uns soños encadeados que duraron practicamente toda a noite, menos co primeiro co que espertei cedo, ese no que contei que estaba Meira nevada e non vou contar nada máis. O segundo di, conta e transmite moitas cousas porque foi enlazando e pasando dun lado a outro. Cada vez me pasa máis isto e vou enfiando un con outro. Como a práctica totalidade dos soños que teño, é en Meira, unha Meira que se vai facendo e collendo forma en plan do que o argumento onírico precisa. Mais, neste caso, era unha Meira como agora de aspecto pero con unha diferenza enorme: nela viviamos case todos e todas da nosa idade. Isto podo dicilo, o de todos e todas, porque me lembro perfectamente de cada un de nós e era xenial. Todxs traballabamos en Meira ou viviamos aquí, non nos víamos 3 veces ao ano como pasa agora (unha polas festas do 15, outra polo Nadal e outra polo entroido). Ben, pois nesta Meira na que traballabamos todxs, lembro especialmente a última parte. A primeira e

E vas e vés

Subín de Meira na bici despois dunha tarde moi gostosa tomando algo con quen non quedara. Sabedes que eu sempre acostumo a baixar só, a atoparme con alguén, aínda que sexa comigo mesmo. Pensei en Yoñlu. Víñeno cantando cando rememoraba a Vitor Ramil. “estrela, estrelaaa...”. “E vas e vés coma un avión ao vento frío dun lugar calquera. É bo saber que es parte de min”. Díxoo todo e, con 16 anos, cando nós tiñamos 21, decidiu marchar. Estas cousas son enormes. Acabo de esbirrar mentres cepillaba os dentes e o cristal do cuarto de baño pingouse todo de gotiñas brancas. Todo esvaído. Pensei en que subín na bici sen luces, pero pola beirarrúa. Se veñen os gardas e me ven sen chaleco reflectinte podo dicir que vou a pé porque non paso de 6 km/h. Pensei en que se cadra un coche podía desviarse e atropelarme. Pensei en Barthes, a quen atropelaron e tardaron en recoñecelo varios días até que alguén o botou de menos. Barthes escribía do que lle daba a gana, “a linguaxe é o mundo”. Escribir que