Saltar ao contido principal

Arrepentirse de con quen te deitaches esa noite

A moita xente pásalle que cando pola mañá esperta con alguén ao lado na cama non pode máis que arrepentirse de con quen se deitou esa noite. Eu vino en moitas películas e a min pasoume algunha vez. Sempre tomei decisións drásticas: deixar o libro co que me deitei.

A noite pasada non me deitei con ninguén, só din así uns roces e apertas con Russell antes de durmir. O caso é que tiven uns soños marcados por ter frío en bastantes deles e estaren regulados polo tempo, xa que duraron cada un aproximadamente unha hora, polo que foron sete até que espertei no último, no medio dunhas festas polo 15 como lembraba de pequeno pero no que xa non era eu tan pequeno porque sabía xogar ao tute e os maiores xa me deixaban xogar con eles. Sabedes que sempre fun moi raso ao tute e no soño non son moito mellor, pero apañei e todo saíu bastante bordado.

No primeiro soño tiven frío porque me sacara toda a roupa para ir á cama e veuse a min a idea de meterlle leña á cociña. Era unha leña brutal e a panda que estabamos xuntos eramos nós con 14 anos, falábamos de “poder calorífico”, coma cando sentábamos noites de verán a falar sobre a continxencia da existencia humana, as estrelas, se á mañá seguinte subiríamos até o Pedregal na bici ou se a curuxa branca, como a que acababamos de ver, tería o niño na Veiga da Horta ou máis ben subindo para Vilardemouros, e irlle así pola tarde pegar unha volta aos pendellos abertos que controlábamos para ver se lle dábamos co niño a algunha.

Para albergar o segundo soño sobretapeime dabondo e case non conseguín que o sono fose non vinculado ao frío, pero era moito máis volátil. Lembroume á miña época de máster, no que despois de traballar oito horas e outras catro do propio máster aínda che quedaba tempo a coller o coche para ir adestrar á Pastoriza (desde Compostela) e volver (E si, naqueles invernos facía frío). Sei por que se veu a min este soño, porque volvendo de Crecente co papá e despois durante a merenda-cea de onte o tema de conversación foron os coches, os problemas que dan e os 100.000 kms. que lle fixera eu ao Fiat Uno en menos de tres anos.

O terceiro soño orienteino mellor porque me semi-incorporei e collín a parte de arriba dun pixama que tiña aos pés da cama nese puf que por riba del ten pasado todo. Digo que o orientei mellor -o soño- porque se eliminou un pouco esa sensación fría e, comezando a quentarse o corpo máis nesa postura na que xeonllos e queixada se soban, pasei a unha fase máis narcisista vinculada, creo, a un pouco de fame que xa me estaría a entrar (imaxino que pola cuestión lóxica que desde as 7 da tarde que ceamos ás 2 da mañá nas que se manifestou isto pasaron 7 horas nas que a dixestión estaría xa ben feita). Pode ser que algo tivese que ver tamén a tortilla que hoxe sabía que seguro ía a preparar cos ovos das pitas de Crecente. Non sei o que foi, pero lembreime tal cal da ducia de Donuts que nos comíamos nalgún almorzo un gran amigo e eu a medias, e da que só nos sobraba se cadra un deles, que lle dábamos de moi boa gana ao Curto, o pastor alemán de José María dos Piensos. Ese soño era así, arrancar correndo para o colexio, chegar correndo e seguir correndo. Comezar o recreo e seguir correndo até que ao comedor chegabamos correndo.

O cuarto soño case non é cuarto soño. Foi un “estoume espertando cada hora, que pasa?”. Seguiu con outra volta na cama cara o “vale, antes tiña frío pero agora estou moi ben, porque non adormezo?”. E rematou nun “de rapaza sempre durmía boca abaixo”. Adormecín boca abaixo e o seguinte soño foi sede. Lembro un soño de sede de hai tempo nun partido de fútbol no Acebreiro, no que case nos pelexamos pola última botella de auga. No de onte o beber era fácil, só tiña que erguerme da cama e ir á cociña. Ah, claro, pero antes espertar. Deste cuarto soño polo tanto só lembro espertarme e ir á cociña beber.

Ao erguerme por culpa deste cuarto soño tiven un pouquiño de frío. Volvinme engurrar e non sei por que motivo me lembrei da Lúa, a nosa cadela que nos deixou hai moi pouco. Mirei para o escritorio e vin alí a Jack London. Pensei na pallasada de escribir sobre cans cando xa el xa o fixo hai 100 anos. Adormecín pensando en ter cans. Veume á cabeza o vídeo este que comparto moito dunha Border Collie correndo diante do rapaz que baixa en bicicleta polo monte. Quinto soño que case non o foi.

No sexto, cando espertei, fóra había un camión arrancando (non sei quen é pero arranca sempre ás 6). Antes de deitarme a ler falara por teléfono cun amigo que conduce camións. Acordeime. Pechei os ollos. O pouquiño de frío de entre o cuarto e quinto soño desaparecera e, pola contra, tiña bastante calor, co que arruguei o nórdico e aquelo pareceume ben. Pouco despois tiven ganas de ir ao baño, pero dinme conta que xa fora. Escoitei a meu pai tusir e o soño xa se veu comigo de neno no Seat Ronda acompañando a meu pai cara Lugo e el conducindo e tusindo.

O sétimo xa o contei arriba, de neno xogando ao tute na Flor. Vaia, que prolepse a miña.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

27_05 Cabaliño do demo

Soños de hoxe foron moitos, varios, pero só me lembro de dous. Axitados. Estou mirando a cama e teño as sabas todas revoltas. Sobre todo foi o último o axitado. En Salcedo. O Oso xa recollera, a noite aparecera cedo e ela bicábame moito, escondidos. O de escondidos era porque a min me daba vergoña a cousa. Agora soa Nancy Sinatra e pode ser que fose bonito pero alguén nos vía. Ricardo. Cantos contos contarei? E Vielba fixo a canción. O outro soño era gañar un premio monetario e non cobralo para estar entre os amigos. Xa non era de noite e o sol mancaba nos ollos. Coriandro. Vodka con coriandro. A escena do crime. Domingo sen feira. Escribir outro pouco e se iso baixar tomar algo. Tomar algo un domingo sen feira? Cervexa, letras, punteos de guitarra e domingo sen feira. Punteos moi bos de Jarekus Singleton e unha pega grallando. Vou baixar. Cabaliño do demo.

Soñar con unha Meira de xente nova traballando nela

Hoxe volvín a ter uns soños encadeados que duraron practicamente toda a noite, menos co primeiro co que espertei cedo, ese no que contei que estaba Meira nevada e non vou contar nada máis. O segundo di, conta e transmite moitas cousas porque foi enlazando e pasando dun lado a outro. Cada vez me pasa máis isto e vou enfiando un con outro. Como a práctica totalidade dos soños que teño, é en Meira, unha Meira que se vai facendo e collendo forma en plan do que o argumento onírico precisa. Mais, neste caso, era unha Meira como agora de aspecto pero con unha diferenza enorme: nela viviamos case todos e todas da nosa idade. Isto podo dicilo, o de todos e todas, porque me lembro perfectamente de cada un de nós e era xenial. Todxs traballabamos en Meira ou viviamos aquí, non nos víamos 3 veces ao ano como pasa agora (unha polas festas do 15, outra polo Nadal e outra polo entroido). Ben, pois nesta Meira na que traballabamos todxs, lembro especialmente a última parte. A primeira e

E vas e vés

Subín de Meira na bici despois dunha tarde moi gostosa tomando algo con quen non quedara. Sabedes que eu sempre acostumo a baixar só, a atoparme con alguén, aínda que sexa comigo mesmo. Pensei en Yoñlu. Víñeno cantando cando rememoraba a Vitor Ramil. “estrela, estrelaaa...”. “E vas e vés coma un avión ao vento frío dun lugar calquera. É bo saber que es parte de min”. Díxoo todo e, con 16 anos, cando nós tiñamos 21, decidiu marchar. Estas cousas son enormes. Acabo de esbirrar mentres cepillaba os dentes e o cristal do cuarto de baño pingouse todo de gotiñas brancas. Todo esvaído. Pensei en que subín na bici sen luces, pero pola beirarrúa. Se veñen os gardas e me ven sen chaleco reflectinte podo dicir que vou a pé porque non paso de 6 km/h. Pensei en que se cadra un coche podía desviarse e atropelarme. Pensei en Barthes, a quen atropelaron e tardaron en recoñecelo varios días até que alguén o botou de menos. Barthes escribía do que lle daba a gana, “a linguaxe é o mundo”. Escribir que