Saltar ao contido principal

Incongruencia

Onte foi un día completo. Erguinme cedo, lin, cociñei, baixei á feira cos amigos, fun ver o fútbol á Lomba, fomos xogar ao pádel e durmín despois de escribir un pouco. Despois diso os soños foron bastante sinxelos e metaforicamente entendibles á perfección.

O primeiro foi moi longo e semi-espertei sobre as 5 da mañá querendo lembralo todo. Intenteino, pero só conseguín lembrar o miolo, o cerne, o argumento central (isto é imitando a meu pai, e quen o coñecedes teredes que darme a razón, que sempre, sempre, pon como mínimo tres sinónimos para un exemplo que está contando: [“en Suíza xuntabámonos todos os galegos polo menos un día á semana e viámonos, apoiabámonos, axudabámonos os uns aos outros”]. Ben, este argumento central era levar a cabo un proxecto global de divulgación do achado e recuperación dun importante conxunto arquitectónico vinculado a unha familia da última época romana da cidade (non era ningunha cidade concreta). Era un proxecto de enorme repercusión polo que as administracións e a empresa encargada de realizar a recuperación sacaban a concurso este apartado de divulgación do proxecto, no que eu me metín a fondo. Fixen un briefing ben asentado, breve, como me gustan a min as cousas, pero firme e sen deixar nada no aire. Non me pareceu espectacular pero cumpría moi sobrado. A partir de aí desenvolvín a xeira de ideas para a posta en valor do conxunto arquitectónico segundo me ían xurdindo, gastando toda a enerxía e o tempo que precisaba, e plasmeino en papel coa axuda inestimábel (mentira, si que lla estimei moitísimo) dunha amiga que controla moito disto. A quen tiña que valorar o proxecto esta grande tirada de follas pareceulle ben e chamáronme para irllo presentar in situ. Nestes días non confío excesivamente nas miñas posibilidades, pero nos soños pódese todo. Preparei unhas impresións a gran formato para guialos con iso na man sobre o conxunto, e mentres lles ía ensinando isto fervíanme na cabeza diferentes ideas de xogos, atrezzo e indicacións para o público infantil, actividades para público maior, xornadas para investigadores e, así, espertei.

O segundo soño era da variedade de soños catalogados como “incongruencia”. Non sei se existe algo así, ou se existía, pero desde hoxe quedan definidos. Moi relacionado co primeiro soño, neste segundo atopábame nun piso xigante duns familiares que non viven aquí pero que sei que len isto porque teño 3 lecturas por publicación que proceden dese país daquel continente (sempre fiándonos de Google). Aproveitando os días que me quedaba con eles, comentáronme que querían darlle unha volta á sala que tiñan para xuntarse coa xente (mandarme decorar a min que son a persoa con menos gusto que existe? Oh si, soños) coa idea de que deixase ás claras a orixe familiar e eu pensei nun futbolín. Despois de pensar no futbolín pensei nunha maseira dos cochos e nunha hucha de gardar o cereal. As ideas parecéronlle ben. Convidáronme a quedarme outra semana máis con eles se lle daba xeito a esas ideas. Baleiraron a sala e o soño acabou aí: eu no medio da sala, a sala baleira e a cabeza chea.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

27_05 Cabaliño do demo

Soños de hoxe foron moitos, varios, pero só me lembro de dous. Axitados. Estou mirando a cama e teño as sabas todas revoltas. Sobre todo foi o último o axitado. En Salcedo. O Oso xa recollera, a noite aparecera cedo e ela bicábame moito, escondidos. O de escondidos era porque a min me daba vergoña a cousa. Agora soa Nancy Sinatra e pode ser que fose bonito pero alguén nos vía. Ricardo. Cantos contos contarei? E Vielba fixo a canción. O outro soño era gañar un premio monetario e non cobralo para estar entre os amigos. Xa non era de noite e o sol mancaba nos ollos. Coriandro. Vodka con coriandro. A escena do crime. Domingo sen feira. Escribir outro pouco e se iso baixar tomar algo. Tomar algo un domingo sen feira? Cervexa, letras, punteos de guitarra e domingo sen feira. Punteos moi bos de Jarekus Singleton e unha pega grallando. Vou baixar. Cabaliño do demo.

Soñar con unha Meira de xente nova traballando nela

Hoxe volvín a ter uns soños encadeados que duraron practicamente toda a noite, menos co primeiro co que espertei cedo, ese no que contei que estaba Meira nevada e non vou contar nada máis. O segundo di, conta e transmite moitas cousas porque foi enlazando e pasando dun lado a outro. Cada vez me pasa máis isto e vou enfiando un con outro. Como a práctica totalidade dos soños que teño, é en Meira, unha Meira que se vai facendo e collendo forma en plan do que o argumento onírico precisa. Mais, neste caso, era unha Meira como agora de aspecto pero con unha diferenza enorme: nela viviamos case todos e todas da nosa idade. Isto podo dicilo, o de todos e todas, porque me lembro perfectamente de cada un de nós e era xenial. Todxs traballabamos en Meira ou viviamos aquí, non nos víamos 3 veces ao ano como pasa agora (unha polas festas do 15, outra polo Nadal e outra polo entroido). Ben, pois nesta Meira na que traballabamos todxs, lembro especialmente a última parte. A primeira e

E vas e vés

Subín de Meira na bici despois dunha tarde moi gostosa tomando algo con quen non quedara. Sabedes que eu sempre acostumo a baixar só, a atoparme con alguén, aínda que sexa comigo mesmo. Pensei en Yoñlu. Víñeno cantando cando rememoraba a Vitor Ramil. “estrela, estrelaaa...”. “E vas e vés coma un avión ao vento frío dun lugar calquera. É bo saber que es parte de min”. Díxoo todo e, con 16 anos, cando nós tiñamos 21, decidiu marchar. Estas cousas son enormes. Acabo de esbirrar mentres cepillaba os dentes e o cristal do cuarto de baño pingouse todo de gotiñas brancas. Todo esvaído. Pensei en que subín na bici sen luces, pero pola beirarrúa. Se veñen os gardas e me ven sen chaleco reflectinte podo dicir que vou a pé porque non paso de 6 km/h. Pensei en que se cadra un coche podía desviarse e atropelarme. Pensei en Barthes, a quen atropelaron e tardaron en recoñecelo varios días até que alguén o botou de menos. Barthes escribía do que lle daba a gana, “a linguaxe é o mundo”. Escribir que