Saltar ao contido principal

09-05: dron

Esta noite o último soño borrou os primeiros. De novo foi un soño que unificou varios deles. Realmente non sei para que o escribo porque ten moi pouquiño de relevante, e realmente tampouco non sei por que escribín os anteriores. O evitar que se cumpran non me parece razón convincente porque os houbo moi bos.

Basicamente, en Meira facíase unha macro-feira da que non me lembro cal era o seu principal atractivo que unificaba todo, pero na que había postos, por exemplo, de “drons” e artefactos tecnolóxicos do estilo aplicados ao rural (iso supoño que vén porque hai pouco lin algunha noticia e reportaxe sobre o que están a facer en Rozas) ou de elementos de seguridade e transporte de obxectos en zonas de monte para vehículos 4x4.

Esta feira era desmesurada e ocupaba Meira enteira. Tiña como tres ou catro zonas para postos. Nos prados da beira do río nas Barreiras había roupa deportiva, roupa técnica, laboral. No campo de fútbol estaba o dos “drons”, que xuntaba moita xente nova e cadaquén expoñía os sus inventos e a súa utilidade: un para medir fincas e que lle facía o percorrido ao tractor para ensilar o millo, outro aplicado á rotación dos cultivos na terras de labrado, un que investigaba, detectaba e reducía os efectos das pragas, etc. En relación con este había outro na ex-carballeira de Figueroa que se baseaba na aplicación desta tecnoloxía a través dos animais, tanto nos produtores como nos de compañía. Aí atopeime cun rapaz, vello coñecido meu de Carballido da Fonsagrada, creo, que lle estaba contando a un paisano que chegara algo tarde porque había nada que fora pai e déralle un pouco a lata o cativo esa mañá. Tamén lle contou que por iso, para chegar a tempo á feira, tivo que dar moita brasa no coche e que o pillou o radar case a 200 km/h nun tramo de 100 km/h co que nun tempo seguramente non conduciría moito e quedaría máis na casa coa crianza. Pregunteille que coche tiña e baixei cara a vila.

As prazas e rúas do centro estaban practicamente colapsadas de xente pero había fluidez no ir e vir, coma nesas primeiras horas da mañá da feira quincenal e non como nas de despois da 1 do mediodía nas que a xente vai a “mirar se aparece algo” e non a mercar. Vin de lonxe desde o outro lado da praza a unha amiga formada academicamente no xornalismo que levaba un peto branco e vermello. Imaxineime que estaría nalgunha campaña da Cruz Vermella, pero cando me acheguei de camiño a tomar un café no Xeira vin que o que facía era repartir La Voz de Galicia, que traía un especial sobre a feira. Collinlle un exemplar mentres me saudou cun sorriso patrocinado por Santiago Rey Fernández-Latorre e funme para a barra pequena das banquetas. Abrino pola antepenúltima páxina para ver o problema do xadrez e pensei nun café expreso ben cargado. Preguntáronme que tomaba. Mirei o móbil e vin que xa eran as doce e media. “Unha milnove, Re, graciñas”. Espertei.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

27_05 Cabaliño do demo

Soños de hoxe foron moitos, varios, pero só me lembro de dous. Axitados. Estou mirando a cama e teño as sabas todas revoltas. Sobre todo foi o último o axitado. En Salcedo. O Oso xa recollera, a noite aparecera cedo e ela bicábame moito, escondidos. O de escondidos era porque a min me daba vergoña a cousa. Agora soa Nancy Sinatra e pode ser que fose bonito pero alguén nos vía. Ricardo. Cantos contos contarei? E Vielba fixo a canción. O outro soño era gañar un premio monetario e non cobralo para estar entre os amigos. Xa non era de noite e o sol mancaba nos ollos. Coriandro. Vodka con coriandro. A escena do crime. Domingo sen feira. Escribir outro pouco e se iso baixar tomar algo. Tomar algo un domingo sen feira? Cervexa, letras, punteos de guitarra e domingo sen feira. Punteos moi bos de Jarekus Singleton e unha pega grallando. Vou baixar. Cabaliño do demo.

Soñar con unha Meira de xente nova traballando nela

Hoxe volvín a ter uns soños encadeados que duraron practicamente toda a noite, menos co primeiro co que espertei cedo, ese no que contei que estaba Meira nevada e non vou contar nada máis. O segundo di, conta e transmite moitas cousas porque foi enlazando e pasando dun lado a outro. Cada vez me pasa máis isto e vou enfiando un con outro. Como a práctica totalidade dos soños que teño, é en Meira, unha Meira que se vai facendo e collendo forma en plan do que o argumento onírico precisa. Mais, neste caso, era unha Meira como agora de aspecto pero con unha diferenza enorme: nela viviamos case todos e todas da nosa idade. Isto podo dicilo, o de todos e todas, porque me lembro perfectamente de cada un de nós e era xenial. Todxs traballabamos en Meira ou viviamos aquí, non nos víamos 3 veces ao ano como pasa agora (unha polas festas do 15, outra polo Nadal e outra polo entroido). Ben, pois nesta Meira na que traballabamos todxs, lembro especialmente a última parte. A primeira e

E vas e vés

Subín de Meira na bici despois dunha tarde moi gostosa tomando algo con quen non quedara. Sabedes que eu sempre acostumo a baixar só, a atoparme con alguén, aínda que sexa comigo mesmo. Pensei en Yoñlu. Víñeno cantando cando rememoraba a Vitor Ramil. “estrela, estrelaaa...”. “E vas e vés coma un avión ao vento frío dun lugar calquera. É bo saber que es parte de min”. Díxoo todo e, con 16 anos, cando nós tiñamos 21, decidiu marchar. Estas cousas son enormes. Acabo de esbirrar mentres cepillaba os dentes e o cristal do cuarto de baño pingouse todo de gotiñas brancas. Todo esvaído. Pensei en que subín na bici sen luces, pero pola beirarrúa. Se veñen os gardas e me ven sen chaleco reflectinte podo dicir que vou a pé porque non paso de 6 km/h. Pensei en que se cadra un coche podía desviarse e atropelarme. Pensei en Barthes, a quen atropelaron e tardaron en recoñecelo varios días até que alguén o botou de menos. Barthes escribía do que lle daba a gana, “a linguaxe é o mundo”. Escribir que