Saltar ao contido principal

05-05: Outra vez aeroportos

Ultimamente estame pasando algo cos soños que normalmente non me pasaba, e é que se me arrexuntan tanto que esquezo moitísimas partes e só me esperto lembrándome un pouco do argumento central.

O mércores movín eu só todo o que tiñamos nun conxelador cara outro, para deixalo baleiro e limpalo, e onte proceso inverso para deixar todo no conxelador limpo (e despois limpar o que queda baleiro). Ocupoume practicamente as dúas mañás porque son aínda ben quilos. Teño moitas maniotas nos brazos e creo que iso influíu en que un dos soños que tiven fose sobre unha preparación para unha viaxe a recunchos perdidos de Asia que iamos facer un grupo de amigos xunto a xente que coñeceriamos na preparación, que duraba uns días. Teño dor nos antebrazos aínda agora, facendo a forza de teclear. Non me apetece escribir. O soño veu bastante ao caso. Neses adestramentos tiñamos tamén unha parte vinculada a saber relacionarse e a manter a calma en momentos de tensión, semellante a estas novas “atraccións” que están agora moi de moda, das que falamos onte mentres tomabamos algo e probabamos as tapas de concurso de Meira. Son unha especie de casas pechadas onde tés que ir facendo probas de intelixencia e coordinación entre membros dun grupo ou parella para conseguir que se abra a saída. Agora lembro tamén que o destino seguramente fose Asia porque hai uns días estiven vendo con un amigo fotos e vídeos da viaxe que fixo a andar de mochileiros coa súa panda polo interior do Xapón. Todo vai cadrando.

Antes de coller o avión paramos nun posto de venda de cousas usadas: libros, fotos, paraugas, roupa, elementos de adorno, de cociña. Había de todo. Gustábanme moitas das cousas pero non podía levalas porque ía co sitio xusto. Aínda así quixen coller un par de libros, unha pulseira de coiro e unha especie de navalla multiusos coa bandeira da URSS. Xa estaban agardando por min para facer o embarque e fun algo con présa. Non tiña a carteira coa documentación. Perdéraa ao pagar no posto aquel. Fun até alí e tíñanma gardada. Espertei con tranquilidade.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

27_05 Cabaliño do demo

Soños de hoxe foron moitos, varios, pero só me lembro de dous. Axitados. Estou mirando a cama e teño as sabas todas revoltas. Sobre todo foi o último o axitado. En Salcedo. O Oso xa recollera, a noite aparecera cedo e ela bicábame moito, escondidos. O de escondidos era porque a min me daba vergoña a cousa. Agora soa Nancy Sinatra e pode ser que fose bonito pero alguén nos vía. Ricardo. Cantos contos contarei? E Vielba fixo a canción. O outro soño era gañar un premio monetario e non cobralo para estar entre os amigos. Xa non era de noite e o sol mancaba nos ollos. Coriandro. Vodka con coriandro. A escena do crime. Domingo sen feira. Escribir outro pouco e se iso baixar tomar algo. Tomar algo un domingo sen feira? Cervexa, letras, punteos de guitarra e domingo sen feira. Punteos moi bos de Jarekus Singleton e unha pega grallando. Vou baixar. Cabaliño do demo.

Soñar con unha Meira de xente nova traballando nela

Hoxe volvín a ter uns soños encadeados que duraron practicamente toda a noite, menos co primeiro co que espertei cedo, ese no que contei que estaba Meira nevada e non vou contar nada máis. O segundo di, conta e transmite moitas cousas porque foi enlazando e pasando dun lado a outro. Cada vez me pasa máis isto e vou enfiando un con outro. Como a práctica totalidade dos soños que teño, é en Meira, unha Meira que se vai facendo e collendo forma en plan do que o argumento onírico precisa. Mais, neste caso, era unha Meira como agora de aspecto pero con unha diferenza enorme: nela viviamos case todos e todas da nosa idade. Isto podo dicilo, o de todos e todas, porque me lembro perfectamente de cada un de nós e era xenial. Todxs traballabamos en Meira ou viviamos aquí, non nos víamos 3 veces ao ano como pasa agora (unha polas festas do 15, outra polo Nadal e outra polo entroido). Ben, pois nesta Meira na que traballabamos todxs, lembro especialmente a última parte. A primeira e

E vas e vés

Subín de Meira na bici despois dunha tarde moi gostosa tomando algo con quen non quedara. Sabedes que eu sempre acostumo a baixar só, a atoparme con alguén, aínda que sexa comigo mesmo. Pensei en Yoñlu. Víñeno cantando cando rememoraba a Vitor Ramil. “estrela, estrelaaa...”. “E vas e vés coma un avión ao vento frío dun lugar calquera. É bo saber que es parte de min”. Díxoo todo e, con 16 anos, cando nós tiñamos 21, decidiu marchar. Estas cousas son enormes. Acabo de esbirrar mentres cepillaba os dentes e o cristal do cuarto de baño pingouse todo de gotiñas brancas. Todo esvaído. Pensei en que subín na bici sen luces, pero pola beirarrúa. Se veñen os gardas e me ven sen chaleco reflectinte podo dicir que vou a pé porque non paso de 6 km/h. Pensei en que se cadra un coche podía desviarse e atropelarme. Pensei en Barthes, a quen atropelaron e tardaron en recoñecelo varios días até que alguén o botou de menos. Barthes escribía do que lle daba a gana, “a linguaxe é o mundo”. Escribir que