Saltar ao contido principal

29_05: Café e tostas de aguacate

Hoxe volvín a ter un soño fiado que ocupou a noite enteira. Foi moi bonito porque tiña reencontros con xente á que boto de menos (incluso unha amiga viña con unha irmá xemelga que non coñecía). Coma case todo empezaba con unha festa, un concerto dentro dun festival nunha praza pequena semellante á da Soidade. O grupo era moi bo: rock dos 70 e un punto de humor entre canción e canción. O seguinte concerto era nunhas antigas cortes das vacas de teito moi alto, restauradas de xeito discreto pero moi acolledor. Acabábamos bastante cansos dos concertos e íamos para o hotel no que nos atopabamos con moita outra xente que tamén andaba polo festival. Como éramos moitos na panda os do hotel recolocábannos noutras habitacións para así estarmos o máximo posible todos xuntos na mesma planta. Acabo de morderme os beizos e fixen algo de ferida.

Ao día seguinte, noutra parte do festival diferenciada da zona de concertos, desenvolvíanse pola mañá e pola tarde diversas probas de tipo skate, bicicross ou escalada e a xente ía amoreándose cara esa zona. De camiño alí eu sempre me atopaba con un paisano que tiña un quiosco. Parabamos a falar un anaco, collíalle bonos de bebida e comida para o festival e el sempre me daba algún de máis. Cada X euros que collías víñache unha participación para un sorteo que agasallaba a quen lle tocase cun aloxamento nunha casa rural. Tocoulle a un amigo e quedamos uns días máis alí. Fomos xantar unhas hamburguesas e atopámonos con outra panda de Meira. Un dos amigos participaba na proba de cross de pola tarde e quedamos en ilo a ver. Non me gustaban as partes da carreira máis espectaculares a onde ía todo o mundo, de grandes saltos e moita velocidade, eu prefería ver as zonas máis entre arboredo que esixían derrapes, técnica e equilibrio. Así, ademais, tamén me poñía á sombra dun sol que ás 5 da tarde queimaba o lombo e a cabeza. O amigo saía de terceiro e case non chego a tempo de verlle a primeira baixada. Pareceume que baixaba moi tenso. Se cadra serio de máis ao saber que ía ter á noiva e a 20 veciños véndoo. Xusto á altura da carreira á que estaba eu, saltou sobre un toco de madeira que estaba atravesado no medio coa mala sorte de que a caída do salto foi sobre unha pedra asomada, polo que a roda de atrás rebotou coma unha pelota de goma e a bici saltou por enriba do meu amigo mentres el caía a roulón entre as pedras e árbores. Aí vinlle a cara desfeita, ensanguentada, coa roupa rebentada e un brazo e unha perna fóra de si. Decidín que o soño había que rebobinalo e volvín ao momento no que se tomaba a saída da carreira, pero en vez de irme á zona de sombra entre árbores funme co resto do grupo cara as zonas máis rápidas. Pasei moita calor e suei moito, incluso o sol me deu algo de dor de cabeza, pero o noso amigo gañou e fómolo celebrar con unhas cervexas e carne á brasa.

Voume facer un café e unhas tostas con aguacate.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

27_05 Cabaliño do demo

Soños de hoxe foron moitos, varios, pero só me lembro de dous. Axitados. Estou mirando a cama e teño as sabas todas revoltas. Sobre todo foi o último o axitado. En Salcedo. O Oso xa recollera, a noite aparecera cedo e ela bicábame moito, escondidos. O de escondidos era porque a min me daba vergoña a cousa. Agora soa Nancy Sinatra e pode ser que fose bonito pero alguén nos vía. Ricardo. Cantos contos contarei? E Vielba fixo a canción. O outro soño era gañar un premio monetario e non cobralo para estar entre os amigos. Xa non era de noite e o sol mancaba nos ollos. Coriandro. Vodka con coriandro. A escena do crime. Domingo sen feira. Escribir outro pouco e se iso baixar tomar algo. Tomar algo un domingo sen feira? Cervexa, letras, punteos de guitarra e domingo sen feira. Punteos moi bos de Jarekus Singleton e unha pega grallando. Vou baixar. Cabaliño do demo.

Soñar con unha Meira de xente nova traballando nela

Hoxe volvín a ter uns soños encadeados que duraron practicamente toda a noite, menos co primeiro co que espertei cedo, ese no que contei que estaba Meira nevada e non vou contar nada máis. O segundo di, conta e transmite moitas cousas porque foi enlazando e pasando dun lado a outro. Cada vez me pasa máis isto e vou enfiando un con outro. Como a práctica totalidade dos soños que teño, é en Meira, unha Meira que se vai facendo e collendo forma en plan do que o argumento onírico precisa. Mais, neste caso, era unha Meira como agora de aspecto pero con unha diferenza enorme: nela viviamos case todos e todas da nosa idade. Isto podo dicilo, o de todos e todas, porque me lembro perfectamente de cada un de nós e era xenial. Todxs traballabamos en Meira ou viviamos aquí, non nos víamos 3 veces ao ano como pasa agora (unha polas festas do 15, outra polo Nadal e outra polo entroido). Ben, pois nesta Meira na que traballabamos todxs, lembro especialmente a última parte. A primeira e

E vas e vés

Subín de Meira na bici despois dunha tarde moi gostosa tomando algo con quen non quedara. Sabedes que eu sempre acostumo a baixar só, a atoparme con alguén, aínda que sexa comigo mesmo. Pensei en Yoñlu. Víñeno cantando cando rememoraba a Vitor Ramil. “estrela, estrelaaa...”. “E vas e vés coma un avión ao vento frío dun lugar calquera. É bo saber que es parte de min”. Díxoo todo e, con 16 anos, cando nós tiñamos 21, decidiu marchar. Estas cousas son enormes. Acabo de esbirrar mentres cepillaba os dentes e o cristal do cuarto de baño pingouse todo de gotiñas brancas. Todo esvaído. Pensei en que subín na bici sen luces, pero pola beirarrúa. Se veñen os gardas e me ven sen chaleco reflectinte podo dicir que vou a pé porque non paso de 6 km/h. Pensei en que se cadra un coche podía desviarse e atropelarme. Pensei en Barthes, a quen atropelaron e tardaron en recoñecelo varios días até que alguén o botou de menos. Barthes escribía do que lle daba a gana, “a linguaxe é o mundo”. Escribir que