De vez en cando, desde a ventá, véxoos chegar alí, pretiño de onde vivo. Veñen por separado, cada un conducindo o seu coche. Chega un primeiro e despois o outro. El é maior ca ela e sempre é el quen sae do seu coche para entrar no dela. Non o fan a calquera hora do día, non. Fano de noite. Eu míroos de xeito furtivo. Que fan? Falan. Só falan. Igual pasa o que dixo o mestre Bennedetti, e máis que bicarse, máis que deitarse xuntos, dábanse a man e iso era amor. O paradoxal é que non son vellos, nin tan sequera el. Eu teño a luz da habitación acesa, a fábrica aínda está traballando, teñen que presentirnos. Imaxino toda clase de historias en relación á súa furtividade. Se esa relación é clandestina, síntome interesado en saber para que manter tanto tempo esa relación. Se cadra agora non houbo sexo, ou se cadra todo empece agora. E, nese caso, se o sexo pode esperar, que traman? Quererán acabar con alguén? Postos a eliminar, as súas vítimas non deben de andar moi lonxe. Ao mellor s...