Onte foi un día completo. Erguinme cedo, lin, cociñei, baixei á feira cos amigos, fun ver o fútbol á Lomba, fomos xogar ao pádel e durmín despois de escribir un pouco. Despois diso os soños foron bastante sinxelos e metaforicamente entendibles á perfección. O primeiro foi moi longo e semi-espertei sobre as 5 da mañá querendo lembralo todo. Intenteino, pero só conseguín lembrar o miolo, o cerne, o argumento central (isto é imitando a meu pai, e quen o coñecedes teredes que darme a razón, que sempre, sempre, pon como mínimo tres sinónimos para un exemplo que está contando: [“en Suíza xuntabámonos todos os galegos polo menos un día á semana e viámonos, apoiabámonos, axudabámonos os uns aos outros”]. Ben, este argumento central era levar a cabo un proxecto global de divulgación do achado e recuperación dun importante conxunto arquitectónico vinculado a unha familia da última época romana da cidade (non era ningunha cidade concreta). Era un proxecto de enorme repercusión polo que as a...