Teño un animal curioso, metade gatiño, metade año. É unha herdanza de meu pai. Sendo meu desenvolveuse de todo; antes era máis año que gato. Agora é metade e metade. Do gato ten a cabeza e as uñas, do cordeiro o tamaño e a forma; de ambos ten os ollos, que son rañosos e brillantes, a pel suave e axustada ao corpo, os movementos á par saltaricos e furtivos. Deitado ao sol, no oco da ventá, faise un novelo e roña cariñoso; no prado corre coma un tolo e ninguén o colle. Foxe dos gatos e quere atacar os años. Nas noites de lúa o seu paseo favorito é o canlón do tellado. Non sabe miañar e os ratos danlle noxo. Horas e horas pasa diante do galiñeiro, pero nunca cometeu un asasinato. Aliméntoo con leite, é o que mellor lle senta. A grandes tragos sorbe o leite entre os seus dentes de animal de presa. Naturalmente é un gran espectáculo para os nenos. A hora de visita é os domingos pola mañá. Séntome co animal no colo e rodéanme todos os nenos da veciñanza. Xorden entón as máis extra...