Cando subía a pé para a casa hai un anaco cruceime, pasando o parque, cun sapo. Non brillaba moito, polo que parecía seco de todo, e era ben grande. Case o piso porque ía polo medio a medio do paseo pero librou. Parouse de golpe cando remataba a pedra e empezaba a herba, virou a cabeza cara onde estaba eu e miroume. Fixo un salto tan pesado, tan pequeno e con esa supremacía ao botarse á herba coa mirada de lado por enriba do ombreiro que me gustou moito. Fun pensando nesa escena polo menos dez metros até que me atopei con algo semellante a unha miñoca grande ou eiruga intermedia pero con pouco pelo dese que teñen. Estaba abrazada a unha herba tirada no chan e daquela non me preguntei se viva ou morta. Agora si. Non lle vexo moita lóxica á herba. A noite estaba boa, levaba xa un cacho andado e o paseo estábame prestando até que escoitei os grilos. Xa sei o que diredes: “ti es fato, os grilos xa estaban aí cantando o que pasa é que non te fixaras”. Non o discuto. O son do canto do...