Saltar ao contido principal

partida pendente

Hoxe está sendo un día estraño, ou está acabando de ser, 10% día / 90% noite. Pasei moito tempo para esta frase. 100% noite. Había xa un par de semanas que non vía a Miqui, ao irse de vacacións coa nena grande, a nena pequena e na espera de alguén máis, :D , hoxe xa se facía un pouco obrigado. Tres rápidas ao xadrez, dous cafés con xeo e apareceu ela polo Jazz, moi innecesariamente:
─Cóbrame aí o café do de Meira.
─Ten pago ─mentira válida, eficiente, óptima pola parte de Miqui.
─Deixa, Miqui, e cóbrame a min todo. Bota un Black Label para ti, outro para min e coloca para a seguinte, saes ti ─excedín en cortesía e enchedura de peito.

Notei que ela me miraba revirado pero asumía de xeito diplomático a invitación. Colleu o Progreso e pasou a sentarse ao lado do curruncho onde acaba a barra e onde sempre se xoga ao xadrez. Soaba Donovan e iso envolvía a cousa semi-tensa, afrouxada polos acordes suaves do escocés. Miqui abriu coa de Larsen para fianchetar axiña. A min non me gustou pero respondín moi clásico, tal e como lle respondía con 16 aniños a Larsen a rapaza Polgar (a que hai 3 anos o 14 antes de arrancar as festas de Meira anunciaba que se retiraba): e5. A Miqui non lle preocupou e o alfil pasou a facer o que tiña que facer. Co meu cabalo en c6 sentinme seguro. Só me puxen algo tenso cando o brazo dela rozaba acompasada e interesadamente co meu ao ritmo do paso de páxina. Eu respondía tratando de esquivar o golpiño facendo que ía coller o vaso para darlle un trago. Mala idea. Se pasaba cada páxina de unha en unha serían vintetantas. Non ten o chupito tantos tragos. Íase notar. Parei un pouco. Varios minutos despois, pouco antes de que ela chegase a “Deportes” e nós coa partida toda desenvolvida e con só un peón de cada un fóra da mesa, Miqui reaccionou mentres toda a miña cabeza era darlle cancha á Raíña.
─Póñoche outro a ti, se che gusta! ─espetoulle ao ver que quen estaba bebendo todo o meu Black era ela.
─Pon para os tres ─respondeu con bastante seriedade, manifestando claramente a súa plena percepción de que estabamos “pasando suya”.

A partida acabou coma o rosario da Aurora (non da do Carballiño) e con dous peóns e torre contra raíña e alfil brancas tiveron que adoecer e firmar un empate a dúas e dúas partidas. Ían ser as sete, Coté estaba a chegar e Miqui xa case arrancando por Candela. E eu con ela ao lombo. Mirei o móbil. “Buff, van ser as sete e teño un 9% de batería. E encima ela...” -pensei. Ela non viu o que me quedaba de batería pero si que viu o que me quedaba de ganas de seguir alí.
─Hoxe igual está boa tarde para probar algunha das tapas do concurso, ou? ─fixo unha desas preguntas das que non sabes que contestar realmente.
─Téñome que ir que... xa hai un par de semanas que non vou pola casa e... moita roupa sucia e... meu pai...
─Veña, chao. Vai con xeito. Mañá avisa cando veñas.

Non sei en que momento oíu que mañá volvería ao Jazz ou se entendeu ás claras que o empate precisaba dunha resolución. Só sei que soaba Whiskey Woman. Para volver para Meira seguín con Los Peyotes, tónica desta semana, e ao Whatsapp escribíame para tomar algo o amigo que domingo pasado me dicía de ir comer á feira a Castroverde. Non sei se hoxe baixarei. Si ou non?

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Manchester

Foi un día produtivo. Espertei cedo, de noite, e estaba en Manchester. De noite aclaro que era cando espertei aquí, polo cedo e aínda non saír o sol. En Manchester noite e día foron o mesmo. Véuseme á cabeza un día en Compostela, cando facendo a carreira alguén me veu dicir que eu fixera un traballo sobre Winterbottom. Era un señor portugués, que dixo que vivira en Manchester naquela época dos 80 do inicio da época de moda desa cidade. Fun á sala e collín Tristram Shandy e así pasei a mañá. O portugués era Miguel Esteves Cardoso. Del é isto, nas “Esplicaçoes do Português”, que puxen en galego RAE sen saber ben o motivo, só para se alguén anda por Meira á tarde, creo: “Saír dos días. Non durmir. Non falar con ninguén. Quedarse fóra do lado de fóra. Ocupar o corazón. Á forza. Ser coma el. É moi bo e fai moi ben. Saír de nós. Caer nos outros. Non escribir. Ler. Non pensar. Lembrar. Os amigos quietos. O murmurio das risas que botaron. A familia parada. O colo onde cabe a cabez...

Esconderse entre palabras

Sete rapazas estanme mirando mal. Se cadra me excedo no de chamarlle rapazas. Están aí, aí. De nenas xa sei que pasan. Son rapazas novas. Mozas? Aceptamos mozas porque o digo eu. Sete mozas estanme mirando mal. Estou nunha biblioteca, que hai 500 anos era cuadra e está adicada a un tipo que hai 800 anos escribía poesía para cantala, e elas creo que teñen que estudar. Ía contar aquí, coma sempre, o que soñei esta noite pero todo o que me envolve é demasiado. Estou acabando de ler o segundo libro desta semana e non consigo afacerme a iso. A acabar, me refiro. Pásame coma co viño ou cos bicos. Gústanme aqueles que botas un anaco desexándoos e empezan con todo, cun sabor que entra de golpe e vai pedindo máis e máis, apurando os tempos. Logo desfanse e logran envolvelo todo, estirándose. Corren contra o final volvéndose doces pero rematan sempre antes do que un quere. Co viño sempre podes botar máis mentres quede na botella, cos bicos é máis complicado. Polo menos para min. Menos nos soño...