Saltar ao contido principal

T-bone steak from Verín

Onte saudoume un home que eu non coñecía. Vaia, en realidade si que o coñecía, ou coñecino hai un tempo e esquecérame del, pero el acordábase de min. Veu falarme. Saudoume e sorriu:
─Ei, ese de Lugo, e que fas por aquí, de vacacións!?
─Dando un paseo... estou traballando cerca de aquí... ─dixen con moita timidez e sen aínda conseguir recoñecelo.
─Ahhh! Pensei que estarías de vacacións. (custoume asociar vacacións con estar en Ourense)
─Non! Levo pouco tempo traballando en Chantada e hoxe vin dar unha volta por aquí.
─Está ben, a pasar calor viñeches, heheh!
─A verdade é que aquí non se para, mimadriña!
─Xa te irás afacendo... E por Barcelona, non volviches nada?

Nese momento quedeime calado, absorto. Recoñecíame de Barcelona. Un flash na cabeza levoume ao mercado de Santa Catarina, vinme comendo ostras francesas e falando coa señora de Ourense que tiña unha labia enorme e me contara que casaran e viñeran xa para o mercado había 30 anos. Pero non era o home dela quen me recoñecera, iso tíñao claro, porque mentres comía as ostras só falara con ela e co fillo, da miña idade, que estaba limpando peixe e bebendo cervexa a iso das once da mañá. Descartados Manolo e Suso do Bar Soto, que me comentaran que unha época un deles vivira tamén en Ourense e Lugo, non me quedaban moitas opcións e fiei na cabeza: era o meu homónimo do Rincón de Galicia, que me contara que era dunha aldea remota “a onde ía o vento e daba a volta”. Sorrín.

Contesteille que non volvera por Barcelona, que senón xa lles tocaría aguantarme. Díxome que se alegraba moito de verme e que a ver cando lles facía outra visita. Tiña que marchar que esperaban por el para marchar prá casa. Eu tamén marchei. Nos corenta minutos de coche até a casa pasáronme pola cabeza unha barbaridade de ideas, lembranzas. Sentín que estaba sendo a miña propia personaxe.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

partida pendente

Hoxe está sendo un día estraño, ou está acabando de ser, 10% día / 90% noite. Pasei moito tempo para esta frase. 100% noite. Había xa un par de semanas que non vía a Miqui, ao irse de vacacións coa nena grande, a nena pequena e na espera de alguén máis, :D , hoxe xa se facía un pouco obrigado. Tres rápidas ao xadrez, dous cafés con xeo e apareceu ela polo Jazz, moi innecesariamente: ─Cóbrame aí o café do de Meira. ─Ten pago ─mentira válida, eficiente, óptima pola parte de Miqui. ─Deixa, Miqui, e cóbrame a min todo. Bota un Black Label para ti, outro para min e coloca para a seguinte, saes ti ─excedín en cortesía e enchedura de peito. Notei que ela me miraba revirado pero asumía de xeito diplomático a invitación. Colleu o Progreso e pasou a sentarse ao lado do curruncho onde acaba a barra e onde sempre se xoga ao xadrez. Soaba Donovan e iso envolvía a cousa semi-tensa, afrouxada polos acordes suaves do escocés. Miqui abriu coa de Larsen para fianchetar axiña. A min non me gustou pero ...

Manchester

Foi un día produtivo. Espertei cedo, de noite, e estaba en Manchester. De noite aclaro que era cando espertei aquí, polo cedo e aínda non saír o sol. En Manchester noite e día foron o mesmo. Véuseme á cabeza un día en Compostela, cando facendo a carreira alguén me veu dicir que eu fixera un traballo sobre Winterbottom. Era un señor portugués, que dixo que vivira en Manchester naquela época dos 80 do inicio da época de moda desa cidade. Fun á sala e collín Tristram Shandy e así pasei a mañá. O portugués era Miguel Esteves Cardoso. Del é isto, nas “Esplicaçoes do Português”, que puxen en galego RAE sen saber ben o motivo, só para se alguén anda por Meira á tarde, creo: “Saír dos días. Non durmir. Non falar con ninguén. Quedarse fóra do lado de fóra. Ocupar o corazón. Á forza. Ser coma el. É moi bo e fai moi ben. Saír de nós. Caer nos outros. Non escribir. Ler. Non pensar. Lembrar. Os amigos quietos. O murmurio das risas que botaron. A familia parada. O colo onde cabe a cabez...

Esconderse entre palabras

Sete rapazas estanme mirando mal. Se cadra me excedo no de chamarlle rapazas. Están aí, aí. De nenas xa sei que pasan. Son rapazas novas. Mozas? Aceptamos mozas porque o digo eu. Sete mozas estanme mirando mal. Estou nunha biblioteca, que hai 500 anos era cuadra e está adicada a un tipo que hai 800 anos escribía poesía para cantala, e elas creo que teñen que estudar. Ía contar aquí, coma sempre, o que soñei esta noite pero todo o que me envolve é demasiado. Estou acabando de ler o segundo libro desta semana e non consigo afacerme a iso. A acabar, me refiro. Pásame coma co viño ou cos bicos. Gústanme aqueles que botas un anaco desexándoos e empezan con todo, cun sabor que entra de golpe e vai pedindo máis e máis, apurando os tempos. Logo desfanse e logran envolvelo todo, estirándose. Corren contra o final volvéndose doces pero rematan sempre antes do que un quere. Co viño sempre podes botar máis mentres quede na botella, cos bicos é máis complicado. Polo menos para min. Menos nos soño...