Saltar ao contido principal

Soños 6-12-2016: Adestramento co Meira e feira de produtos da terra

Esta noite é a clásica de que espertas ás 5 da mañá coma quen xa durmiu todo o que tiña que durmir. Lémbrome dos soños ata ese espertar, e logo erguinme ás 8 con outros tres ou catro soños máis breves, dos que non vou dar conta porque son bastante irrelevantes e non aportan nada aquí (aínda que a min si que me aportan o durmir xenial). Os argumentos centrais dos soños desta noite son, por unha banda, un adestramento na Lomba co Meira FC no que había moita tensión entre nós e unha feira de produtos da terra cun final moi de ficción e duro. Comezo polo primeiro.

Estabamos adestrando unha noite na Lomba, e logo duns exercicios comezamos unha pachanga entre nós. O campo estaba bastante embarrado, as cousas non saían e custaba moverse. Habíamos moita xente alí, todos vestidos de escuro, e eu a moita xente non a coñecía, incluso había xente de Pol, da Pontenova e doutros países. Eu estaba bastante fóra de forma e xogando de medio centro non daba feito, polo que pedín irme para a portería (a de atrás contra os vestiarios). O meu equipo comezou a dominar e estar do medio campo para adiante, comezou a chover bastante e púxenme pingando, polo que tiven que andar movéndome pola área para que non me collese o frío. Aí descubrín unha cousa que si que me deixou frío: os tacos de aluminio das botas fixeron un ruidísimo porque pisei un coitelo de tamaño de chacinería. Agáchome para collelo e ao lado del asomaba a punta doutro. Funlle dando coas botas e aquelo estaba todo sementado de coitelos na área pequena do porteiro. Berreilles e din o aviso, collendo un coitelo na man e erguéndoo, e miraron para min coma quen “este non se empana de nada”, porque para eles era do máis normal. Eu pensei que alguén os poñería alí para facer dano, pero estaba totalmente aceptado. Entón retirei os que puiden e vin, alí cara a banda onde está o depósito da auga, unha rapaza que estaba magoada por ver a miña cara descolocada. Ela sabía que eu non entendería o dos coitelos, pero tamén estaba inmersa e considerou correcto non avisarme. Cando me fun aos vestiarios para ducharme, entre as miradas directas do resto do equipo, doume conta que me falta a mochila. Estaba na do árbitro porque me cambiara eu alí porque chegara tarde e estaba aberto. Abrín a mochila, vermella, prepareime para ducharme e espertei.

Este segundo soño é moi duro e vou ser moi breve con el, sen entrar en detalles. Organizábase unha feira de produtos da terra, na propia terra, non nunha vila ou nunha cidade como se fan todas. Aquelo era un éxito: agricultores e gandeiros rodeados de xente interesada no seu traballo, desexosa de levar o mellor que tiñan para a casa. Ía transcorrendo a xornada no máis absoluto bo ambiente, pero de repente algo se escoita no ceo. Zoaba moi forte e cada vez máis. A xente ergue a cabeza e ve unha enorme bola entrando polo ceo e dirixíndose ao medio dun prado: semellaba un meteorito de xeo. Non semellaba, érao, e caeu facendo un estrondo brutal e desfacéndose en cubos de xeo que golpeaban a todo o mundo nun radio de ducias de metros. A xente comezou a berrar, asustarse, fuxir e tentar refuxiarse porque detrás dese meteorito viñan máis. Puiden ver como un deles alcanzaba unha panda enteira de amigos. Espertei.

Os soños de hoxe vedes que son algo duros, e pode ser culpa miña que non escribín onte nada no panel sobre o que quería soñar.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

partida pendente

Hoxe está sendo un día estraño, ou está acabando de ser, 10% día / 90% noite. Pasei moito tempo para esta frase. 100% noite. Había xa un par de semanas que non vía a Miqui, ao irse de vacacións coa nena grande, a nena pequena e na espera de alguén máis, :D , hoxe xa se facía un pouco obrigado. Tres rápidas ao xadrez, dous cafés con xeo e apareceu ela polo Jazz, moi innecesariamente: ─Cóbrame aí o café do de Meira. ─Ten pago ─mentira válida, eficiente, óptima pola parte de Miqui. ─Deixa, Miqui, e cóbrame a min todo. Bota un Black Label para ti, outro para min e coloca para a seguinte, saes ti ─excedín en cortesía e enchedura de peito. Notei que ela me miraba revirado pero asumía de xeito diplomático a invitación. Colleu o Progreso e pasou a sentarse ao lado do curruncho onde acaba a barra e onde sempre se xoga ao xadrez. Soaba Donovan e iso envolvía a cousa semi-tensa, afrouxada polos acordes suaves do escocés. Miqui abriu coa de Larsen para fianchetar axiña. A min non me gustou pero ...

mellor canto antes

A primeira cita que tiveron el e ela foi concertada e, por riba, con diñeiro polo medio. Chamou el para solicitar os servizos e quen cobraba era ela, como pasa por desgraza case sempre nestes casos. Para el todo aquilo aconteceu moi rápido. Así, un día, sen máis, apeteceulle dar unha volta á súa vida, cambiar o que levaba facendo 15 anos ─e non se refería precisamente a deixar de saír en calquera noite de luns a domingo─, e ser, en definitiva, el o dono da súa propia vida. Había tanto tempo diso que xa nin o lembraba mais a reacción non foi nostálxica, foi de tomar a dianteira e ir contra todo. Aínda así, a decisión custoulle tempo. Mirou nesas follas onde adoitan aparecer os números da xente profesional que se adica a iso e localizou á que estaba máis preto: ela, a poucos metros da súa casa. El aínda non sabía que era “ela”, mais ía, agora ou despois, chamala. Un par de horas máis tarde, que non obstante pasaron bastante rápidas porque foron desas tan definidoras do inverno, nas...

23-04

Esperto ás sete da mañá dun día tan bonito que semella que neste recuncho do planeta absolutamente todo está en “flor”, todo se abre e brota e hai máis cousas das que podemos descubrir: luces prismáticas, aromas prismáticos, algo case doloroso de tan bonito. A luz matinal é dourada coma o diñeiro e derrámase polas ventás que dan á serra cara o leste. Pero o que me emociona é a sombra, a luz imposible de definir, o pradairo entre os eucaliptos coas súas follas aínda non formadas, dunha beleza estremecedora, que non é a árbore mesmo unha entre millóns, un elo nunha longa cadea de vivencias que comezan na infancia, na Flor. Domingo de feira. Hai dous mundos coñecidos, o visible e o invisible, e esa gota de viño e o pan é o vínculo que os une. Sinto as campás. Paréceme ver a cadea do ser que ascende desde o fondo da terra até o ceo. Duchareime e baixarei mercar un queixo e tomar algo? Teño que cortar o pelo. Debera. Xa todos mo din. Ata meu pai, que acaba de virme espertar á habitación...