Arando con bois-Tino Grandío 1975 (óleo s/lenzo) Ten a serra unha capa de néboa moi fina deitada sobre ela que case deixa ver o que hai debaixo e da que asoman o par de curutos máis altos. O símil metafórico pareceume sinxelo e evidente: está saíndo o sol despois dunha noite de verán e eles están na cama tapados só por unha saba moi fina que tapa a metade dos seus corpos, véndoselles as cabezas por enriba dos ombreiros e os pés de metade da tibia para abaixo. A capa de néboa na serra, coma a saba na cama, finas, deixan entrever un pouco o que parece que hai debaixo delas. Un suxestivo perfil en “V” de pedras do periglacial no nacemento do río. Un abrazo desdeixado polas diferentes orientacións de cada un dos catro pés pero ao final cómodo pola inmobilidade absoluta do que hai baixo a saba. E debaixo da néboa. Esta noite os soños fóronse comendo o un ao outro e só me lembro do último. Foi moi sinxelo facendo un xogo entre lembranzas do tempo infantil, adolescente, uni...