Hai uns días pasoume que planifiquei un soño dentro dun soño, o que excedeu o de ter o dominio para poder ir e vir neles e que xa me tiña pasado. Diante dunha situación dada puiden desenvolver un argumento que me pareceu ben, re-pechar os ollos e seguir adiante coa historia. Esta noite non conseguín chegar a ese punto pero intenteino. Sei con certeza que unha parte importante dos microespertares que me levan estes días a acanearme sobre unha diversidade onírica, por outra parte sempre moi presente na miña cabeza, veñen motivados por diminutas picaduras de mosquitos. Hoxe a conxunción aínda se fai máis evidente xa que, ademais de por todo o corpo, na punta do dedo grande da man esquerda teño, en forma de inchazón, os restos da cea desta noite dun deses mosquitos polo que me acordo del a cada “d”, “c” ou “e” que tecleo. Pois ben, nunha das primeiras fiadas propúxoseme unha viaxe de mochileiro por Centroeuropa. Pareceume correcto. Entón dinlle unha volta para ter polo menos algunha moti...