Spreepark de Berlín Onte adormecín vendo de novo The Fisher King entón toda a noite foi bastante Terry Gilliam. No bo e no malo, como é el. Tamén foi un pouco de noite de odio ao noso gatiño porque debe sentir como as gatas chaman nestas datas polo seu amor e el non fai máis que miañar desde a terraza, non sei se propoñéndolles algunha cita, ameazándoas con tirarse (teno feito), convidándoas a subir ou, simplemente, por dicir eu estou aquí aínda que pase de vós e me volva deitar ─algo que me parece tan do Rego de San Vicente... O primeiro dos soños foi moi doce, de sabor, digo, non de número. Iso é algo do que falarei máis adiante, de cando “un” é “doce” (1=12) e doce son os soños que ti viches nun. O do soño que foi doce pode verse en sentido metafórico e tamén non tanto, porque cando espertei na boca aínda sentía algo. Foi, ademais, un soño moi cálido e espertei (deses espertares micro) case suando. Algo normal. Pasei case toda a noite correndo, xogando, saltando, escor...