Hai un tipo de soños que teñen como misión espertarnos para que fagamos algo que o corpo nos require. Se temos frío pois soñamos que quedamos perdidos nunha montaña nevada e espertamos para taparnos ou se asomas un pé por fóra das mantas soñas que metiches o pé nunha charca e gárdalo. Hai tempo tiven un soño deste tipo bastante desacougante: estabamos nun adestramento un día de sol que aquelo queimaba, todos sen camiseta e co pelo goteando suor de sabor salgado (é unha das primeiras veces que me dou conta de escribir salgado sen “S” maiúscula, e púxeno por facer a gracia porque a suor todos sabemos que sabe a salgado). Mirabámonos os uns aos outros con caras de sufrimento, suplicando a clemencia do adestrador para que dixese dunha vez que rematara o adestramento e arrancar para a banda a pelexarnos polas garrafas da auga para ver quen bebía primeiro. Tardou un pouquiño en berrar o “acabouse por hoxe, moi ben rapaces!” e saímos todos largados para a banda polas garrafas da auga pero e...