I. Cando espertou sentiuse mellor do que estivera xa había unhas cantas semanas ─non se sentía enfermo. Arrimouse un momento ao marco da porta entre o seu dormitorio e o baño até que estivo seguro de que non estaba mareado. Nin sequera un pouco, nin sequera cando se puxo a buscar unha zapatilla debaixo da cama. Era unha solleira mañá de abril, non tiña nin idea de que hora porque o seu reloxo levaba moito tempo parado e cando cruzou o apartamento e chegou á cociña viu que a súa filla xa almorzara e que se marchara e xa viñera o correo, así queran máis das nove. —Creo que sairei hoxe —díxolle á criada. —Faralle ben, está un día marabilloso. Ela era de Nova Orleans, coas faccións e a cor dunha árabe. —Quero dous ovos fritos coma onte e unha tostada, zume de laranxa e té. Entretívose un anaco no cuarto da súa filla e leu o correo. Eran cartas desagradables, sen nada de alegría, maiormente facturas e anuncios co boletín diario do colexio masculino de Oklahoma e o seu so...