Esta noite sei ben con quen soñei. Espertei só dúas veces, pero deses espertares que teñen a dozura de volverte adormecer aínda máis envolto. Soñei con Sherlock. De neno merquei co que podía aforrar de paga en medio ano, tendo en conta os evidentes gastos en petardos e lambetadas, todo o que Conan Doyle publicou en libro de Sherlock. Tamén sei ben por que soñei con isto. Faleino hai uns días con unha amiga de que relería e vería os novos capítulos, que non me desagradan nada, do Sherlock da BBC. Hoxe vin un, agora, pero despois de soñalo onte. Por iso toda esta mañá no HULA paseima querendo chegar á casa e ver Sherlock. Creo que desde Lynch, Winterbottom, Bergman ou Von Trier non me acontecera que preferise ver algo antes que ler algo ao chegar á casa, e é unha serie. O primeiro soño era totalmente irrelevante. Era só iso, gana de algo. Hoxe vin un deles, e quen escribiu o guión polo menos leu algo no seu día e puxo en palabras de Holmes “son o imbécil máis desagradable, groseiro, i...