Está sendo unha mañá interesante. En hora e cuarto─o que tarda a lavadora no programa estándar─ asociei varios dos soños a dous filmes que onte me viñeron á cabeza antes de adormecer e escribín unha tontería. As rapazas xemelgas dun dos soños eran idénticas á rapaza de La Jetée. Lémbrame a lavadora rumbando que todos os soños tiveron algo que ver coa auga. Pode ser que outras veces tamén pasase isto, só que esta noite hai unha razón, lóxica, que non vén ao caso contar e non foi precisamente lembrarme do filme de Chris Marker antes de adormecer. Tentei centrarme, abrín o Open Office para darlle unha volta ao que se me ocorrera onte pola tarde e pasar dos soños. A luminosidade na habitación era bastante absoluta, difusa e sen contrastes pola persiana medio aberta e o ceo enteiro anubrado. Aínda así o sono non me deixaba libre de todo e considerei ben feito abrir a ventá para que entrase o aire frío. Aí, ao estremecerme un pouco, foi cando notei que era algo de sono e pequena dor de c...