Saltar ao contido principal

Publicacións

Mostrando publicacións coa etiqueta noite

De paxaros

Estes días teño moitos paxaros na cabeza, algún na barriga, e non é coma no caso do resto dos compañeiros motivado pola auditoría da ISO. É porque me fixei o sábado en Lugo na incrible saturación rodeando a muralla deses paxaros que son coma andoriñas pero negros de todo, e porque están pasando tardes que adoezo que rematen para asomarme á ventá ao solpor. Nesas tardes, os gorrións, antes de ir durmir, bailan as últimas na marquesiña de pedra antes de eu tamén adormecer. Onte, un pediume para entrar. Era gordiño e estaba algo desplumado. Semellaba na procura de alguén. Berraba, chamando, e miraba cara min con xestos que dicían desde “normal que non me entendas” a “marcháronme todos”. Deixeille entrar e viu que dentro do cuarto tampouco estaba quen andaba buscando. Xa se puxo o sol case de todo, o gorrión marchou e os seus cantos escóitanse moi lonxe. Un minuto despois case non se escoitan. Só se oen os grilos e a noite.

lugares e estrelas

Desde onde agora estou vense as estrelas, por primeira vez en moito tempo. Estou sentado onde ti soías sentar e iso fai que o tempo se volva atrás, mirando as estrelas. Nos momentos nos que unha persoa se sinte como eu o fago semella que o ambiente o envolve, a atmosfera. Hai poucas cousas máis máxicas ca un bico. O bico en si non ten nada de maxia, a maxia é do intre no que sucede, a atmosfera. Que o envolve. É iso de estar só, poñer música, cociñar, saír á terraza, sentir a noite. A atmosfera. Cando isto pasa sabes que é verdade. Pódese buscar a maxia, podémonos pór a andar e saírlle ao camiño, pero a atmosfera ten que vir, aparece, e é tan real coma o frío que me acaba de coller. Quen onte fun xa hoxe en min non vive. Como non te soñar?