Esta noite foi bastante prolífica en soños longos e bonitos. Supoño que tiveron algo que ver as cervexas que tomamos para recuperar ao vir de xogar, si, recoñézoo, do pádel. Imos aló, modo breve, que xa tampouco creo que isto lle interese a moita xente. O primeiro, que foi tamén o primeiro da noite e despois do cal espertei para ir ao baño xa que a rehidratación despois do deporta así o pedía, era moi intenso e destes soños nos que o que máis ves son persoas que coñeces, coas que te levas ben, e onde todo semella estar planificado para que aconteza así. (Aproveito para facer un inciso porque me doen os ollos cando vexo nas redes cousas de xente dedicada á comunicación con descoñecemento total do idioma: foi ao poñer “o que máis ves son persoas” no canto de “o que máis vés son persoas” porque en galego diferenciamos coa til no presente do “ver” e do “vir”.) O soño centrábase nun novo estadio da vida onde nos íamos atopar todos e todas. Propoñía unha reflexión, unha meditación sobr...