Saltar ao contido principal

Soños 14-12-2016: "Accidente" de camión no cruce para Riotorto

Tiven unha mala noite e erguinme con algo de dor de cabeza. Só lembro un par de soños. Coma sempre, un bastante longo que foi pasando por diferentes fases, escenas, ideas e intencións, e que eu seguramente asocio coma un único soño ao espertar de xeito definitivo, cando máis parecen diferentes soños pequeniños nos que polo medio hai semi-espertares que lle dan unha continuidade ao argumento (iso que a tantos, cando escribimos, nos rebenta a cabeza).

Esta vez o principal conglomerado da acción desenvolvíase arredor do Eo cando xa baixa da serra cara a Pontenova e comeza a dividir Galiza e Asturias, ou Galiza e esa parte de Asturias que falan mellor galego ca na metade do outro lado do Eo (en fin...). A escena centrábase nunha feira, unha feira tradicional, na que a xente de 50-60 anos vendía cousas a xente de 65-80 anos. Eu non tiña nada que comprar nin nada que vender, só ía dar unha volta e ver o que había, polo que o que máis me interesaba era atoparme con alguén. Alí atopei un coñecido ferreiro que me foi contando o que ofrecían en cada un dos diversos postos. Había cousas interesantísimas e fun todo ese cacho de soño devecendo por traer algo para Meira. A mañá foi pasando e decidimos ir a xantar a algún lado polo que nos puxemos a camiñar e ao pouco xa pasaramos a Órrea e estabamos no cruce para coller cara Riotorto (o motivo polo que se o que queríamos era ir xantar a Riotorto e fomos até o Marco de Álvare nin o sei eu nin o saberá ninguén). O caso é que paramos no cruce un anaco e comezamos a sentir un ruído moi intenso con derrapes, fortes bucinazos, até que vimos vir cara nós, totalmente descontrolado, un camión moi grande con morro estilo americano, e conseguín ver que quen conducía era un coñecido. Atravesouse no asfalto e foise cara un desnivel enorme. Tememos o peor, pero cando nos asomamos ao barranco comprobamos como estaba perfectamente xa que caera sobre unha nave industrial de tellado plano e alí andaba dando voltas. Viunos e saudou.

Entón comezamos a subir pero resulta que xa estabamos en Riotorto e viñamos cara aquí. Toda a xente estaba ás portas da súa casa ou polos balcóns e fiestras. Semellaba que alí ía pasar algo. Viñamos cara Espasande e a tensión e a expectativa eran moi altas. De súpeto, aparecemos vestidos de roupa de correr, na cabeza viseira Buff® e nos pés as New Balance® minimalistas de Krupicka. Ese foi o regreso a Meira, correndo, como eu facía hai uns anos. Comezando a baixar, entre o cruce de Piñeiro e a casa de Perán, espertei.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

partida pendente

Hoxe está sendo un día estraño, ou está acabando de ser, 10% día / 90% noite. Pasei moito tempo para esta frase. 100% noite. Había xa un par de semanas que non vía a Miqui, ao irse de vacacións coa nena grande, a nena pequena e na espera de alguén máis, :D , hoxe xa se facía un pouco obrigado. Tres rápidas ao xadrez, dous cafés con xeo e apareceu ela polo Jazz, moi innecesariamente: ─Cóbrame aí o café do de Meira. ─Ten pago ─mentira válida, eficiente, óptima pola parte de Miqui. ─Deixa, Miqui, e cóbrame a min todo. Bota un Black Label para ti, outro para min e coloca para a seguinte, saes ti ─excedín en cortesía e enchedura de peito. Notei que ela me miraba revirado pero asumía de xeito diplomático a invitación. Colleu o Progreso e pasou a sentarse ao lado do curruncho onde acaba a barra e onde sempre se xoga ao xadrez. Soaba Donovan e iso envolvía a cousa semi-tensa, afrouxada polos acordes suaves do escocés. Miqui abriu coa de Larsen para fianchetar axiña. A min non me gustou pero ...

Esconderse entre palabras

Sete rapazas estanme mirando mal. Se cadra me excedo no de chamarlle rapazas. Están aí, aí. De nenas xa sei que pasan. Son rapazas novas. Mozas? Aceptamos mozas porque o digo eu. Sete mozas estanme mirando mal. Estou nunha biblioteca, que hai 500 anos era cuadra e está adicada a un tipo que hai 800 anos escribía poesía para cantala, e elas creo que teñen que estudar. Ía contar aquí, coma sempre, o que soñei esta noite pero todo o que me envolve é demasiado. Estou acabando de ler o segundo libro desta semana e non consigo afacerme a iso. A acabar, me refiro. Pásame coma co viño ou cos bicos. Gústanme aqueles que botas un anaco desexándoos e empezan con todo, cun sabor que entra de golpe e vai pedindo máis e máis, apurando os tempos. Logo desfanse e logran envolvelo todo, estirándose. Corren contra o final volvéndose doces pero rematan sempre antes do que un quere. Co viño sempre podes botar máis mentres quede na botella, cos bicos é máis complicado. Polo menos para min. Menos nos soño...

Lembranzas de cores

Esta noite tiven moitos soños e moi variados e sen profundidade polo que só vou falar dun deles, que foi máis longo e que pode ter tantas explicacións coma cores hai. Se lle tivese que poñer un nome aos soños supoño que este sería “Lembranzas Pantone”. O soño comeza comigo dando voltas por unha cidade que parece Lugo, pero que está medio desfeita, coas rúas modernas, en costa, desfeitas por algo semellante a unha riada moi forte. Víanse os restos de area de baixo as rúas cos regos feitos de correr a auga sobre elas. Había moi pouca xente e coches case ningún. Eu estaba moi perdido, era incapaz de ubicarme. Íase facendo xa tarde, xusto ese momento do día tan fermoso no que notas que a noite se che vén sobre o lombo . Nese momento eu andaba por unha rúa que era moi cha e desde a que se vía como toda a cidade subía costa arriba, como esa sensación que tés cando ves Porto desde abaixo, ou como ese recordo de cando unha noite de semana de marcha por Vigo viches a ese tipo dese grupo ...