Saltar ao contido principal

Soños 22-11-2016 (Concertos)

1-(Foi o soño máis longo e do que case me esquezo, e si, tal e como indicaba a opción 3 da pizarra, sobre Concertos!) Era un concerto dun rapaz multiinstrumentista que fisicamente se parecía moito a Yonlu pero máis rockeiro, con pendentes e roupa de coiro, con orixes en Meira pero que tiveran que marchar fóra (non sei exactamente a onde), no que incluso o pai cantaba, e que tivo algún fallo de son. O rapaz semellaba ter definida claramente a súa homosexualidade, e ser a través da música un defensor, xa que no concerto abundaban rapaces de entre 14 e 18 anos, vestidos de rockeiros, collidos da man, bicándose... etc. O concerto era espectacular, facíase en varios sitios arredor da igrexa. Comezaba na praza do convento, co seu posto no centro da praza e proxeccións xigantes sobre a cara traseira lateral alta da igrexa (a do campanario). As proxeccións eran impresionantes, en 3D xeniais. Logo de bastante concerto, pasaba a unha fase de cancións máis paradas onde se poñía na praza pequena do claustro, na parte de atrás da casa parroquial, para rematar de xeito multitudinario na praza fronte á igrexa. Moita xente quedaba na parte de atrás vendo as proxeccións, tirada polo chan case toda, abrazada, porque as letras falaban moito de quererse.
Cousiñas que lembro puntuais:
-Todos os baixos arredor dos cabanóns eran, como antigamente, hostais/casas de comidas/tendas.
-Había algún fallo de son (suponse que polo traslado dun concerto en 3 zonas diferentes) pero as proxeccións deixaban a todo o mundo abraiado.
-Cantaba case todo en galego e algo en inglés.

2-Foi destes soños que sabes que van cara algo concreto pero que ao mesmo tempo queres que todo quede no aire, como case ver caras concretas de xente que coñeces pero que ao espertar se borran e non recoñeces. O principal era que viñan moitos amigos de fóra e eu ensináballes Meira. Algún tiña especialmente interese pola Igrexa e o mosteiro, outros polo Pedregal e o río. A xornada remataba con unha boa comida.

3-Horrible. Vin unha rapaza esvarar e darse un golpe na cabeza até quedar como inconsciente e todos a intentar reanimala até que espertou e a levaron para Urxencias. Soubemos que sobreviviu pero ninguén a coñecía.

4-Un puro onirismo fantástico (de fantasía, non de ser xenial). Ía de paseo para atoparme coa xente e todo era deforme, como si se fose derretendo: os sitios, as caras e corpos de quen me atopaba... apuraba o paso para chegar a algún sitio onde ver a xente normal e non me conseguía evadir até espertar, fixádevos, cun accidente entre unha rapaza que ía en bici e que rebenta un coche no que ían 4 persoas, e a rapaza foxe escandalizada na bici.

5-Subía á Serra e era unha Serra xa totalmente descoñecida para min, eu que corrín tanto por ela. (razón esta pola que penso que se cadra o soño me está dicindo que volva a correr).




Comentarios

Publicacións populares deste blog

partida pendente

Hoxe está sendo un día estraño, ou está acabando de ser, 10% día / 90% noite. Pasei moito tempo para esta frase. 100% noite. Había xa un par de semanas que non vía a Miqui, ao irse de vacacións coa nena grande, a nena pequena e na espera de alguén máis, :D , hoxe xa se facía un pouco obrigado. Tres rápidas ao xadrez, dous cafés con xeo e apareceu ela polo Jazz, moi innecesariamente: ─Cóbrame aí o café do de Meira. ─Ten pago ─mentira válida, eficiente, óptima pola parte de Miqui. ─Deixa, Miqui, e cóbrame a min todo. Bota un Black Label para ti, outro para min e coloca para a seguinte, saes ti ─excedín en cortesía e enchedura de peito. Notei que ela me miraba revirado pero asumía de xeito diplomático a invitación. Colleu o Progreso e pasou a sentarse ao lado do curruncho onde acaba a barra e onde sempre se xoga ao xadrez. Soaba Donovan e iso envolvía a cousa semi-tensa, afrouxada polos acordes suaves do escocés. Miqui abriu coa de Larsen para fianchetar axiña. A min non me gustou pero ...

Manchester

Foi un día produtivo. Espertei cedo, de noite, e estaba en Manchester. De noite aclaro que era cando espertei aquí, polo cedo e aínda non saír o sol. En Manchester noite e día foron o mesmo. Véuseme á cabeza un día en Compostela, cando facendo a carreira alguén me veu dicir que eu fixera un traballo sobre Winterbottom. Era un señor portugués, que dixo que vivira en Manchester naquela época dos 80 do inicio da época de moda desa cidade. Fun á sala e collín Tristram Shandy e así pasei a mañá. O portugués era Miguel Esteves Cardoso. Del é isto, nas “Esplicaçoes do Português”, que puxen en galego RAE sen saber ben o motivo, só para se alguén anda por Meira á tarde, creo: “Saír dos días. Non durmir. Non falar con ninguén. Quedarse fóra do lado de fóra. Ocupar o corazón. Á forza. Ser coma el. É moi bo e fai moi ben. Saír de nós. Caer nos outros. Non escribir. Ler. Non pensar. Lembrar. Os amigos quietos. O murmurio das risas que botaron. A familia parada. O colo onde cabe a cabez...

Esconderse entre palabras

Sete rapazas estanme mirando mal. Se cadra me excedo no de chamarlle rapazas. Están aí, aí. De nenas xa sei que pasan. Son rapazas novas. Mozas? Aceptamos mozas porque o digo eu. Sete mozas estanme mirando mal. Estou nunha biblioteca, que hai 500 anos era cuadra e está adicada a un tipo que hai 800 anos escribía poesía para cantala, e elas creo que teñen que estudar. Ía contar aquí, coma sempre, o que soñei esta noite pero todo o que me envolve é demasiado. Estou acabando de ler o segundo libro desta semana e non consigo afacerme a iso. A acabar, me refiro. Pásame coma co viño ou cos bicos. Gústanme aqueles que botas un anaco desexándoos e empezan con todo, cun sabor que entra de golpe e vai pedindo máis e máis, apurando os tempos. Logo desfanse e logran envolvelo todo, estirándose. Corren contra o final volvéndose doces pero rematan sempre antes do que un quere. Co viño sempre podes botar máis mentres quede na botella, cos bicos é máis complicado. Polo menos para min. Menos nos soño...