Saltar ao contido principal

Á casa


Non sei se teño máis sede esta mañá pola leve resaca ou polo exceso de bicos no soño que me envolveu toda a noite. Onte A Coruña pareceume un pouco o París de Balzac, “unha leira inmensa abaneada por unha tempestade de intereses baixo a que se arremuíña unha ceifa de homes que a morte sega máis a miúdo que xalundes e que sempre volven agromar igual de mestos; cos rostros retortos, desfigurados, revendo por todos os poros o espírito, os desexos, os velenos que preñan os seus cerebros”. Incluso un rapaz duns 10 anos me pediu máis galletas en galego. Vinlle xestos doces untándoas co tomate e cortando a mozzarella.

Hoxe enredei de máis na ducha con boa música e auga fría, algo bastante inaudito en min. A boa música. A auga fría, malia que é moi raro, algunha vez si. Hai algún raio de sol entre nubacholos enriba da serra e a miña máxima preocupación é que farei de comer estes días polas festas que non celebramos. Hoxe dáme igual, mañá espero non ter moita fame despois dos vermús e por San Roque pois igual unhas boas costeletas ou un entrecosto para homenaxearnos. Merda, entrecosto imos cear hoxe. Bah, de aquí ao 16, con dúas noites polo medio nas que espero verte xa seguro que se me esqueceu. Van ser unhas noites nas que, coma antes, tratarei de empezar coma unha personaxe de Kaurismaki, bebendo estritamente cervexa, e acabarei coma el, mandando bicos coas mans e unha mazadura nunha perna de facer o fato nos coches eléctricos.

Acábome de lembrar que teño que fregar toda a cacharrada de onte e deume un baixón tremendo. Por riba pícame moito a orella esquerda, o ombreiro esquerdo, o cóbado esquerdo e o xeonllo esquerdo. Durmín sobre da dereita e o mosquito tiña fame. Pensei en deixar todo para fregar despois de xantar pero o que máis me apetecía era chamar a Miki para tomar unhas cañas, xogar uns xadreces e comer algo no Cotá. Tamén se apuntan Patillas e Fernando. Patillas xadrez non, poñerá a música e cambiaremos un libro. Fernando estará con Patillas. Agora si que a liei. Que libro lle levo a Patillas? Algo de Ten Years After con ben watios, vou fregar e xa se me ocorrerá. “I'm going home”. 

Comentarios

Publicacións populares deste blog

partida pendente

Hoxe está sendo un día estraño, ou está acabando de ser, 10% día / 90% noite. Pasei moito tempo para esta frase. 100% noite. Había xa un par de semanas que non vía a Miqui, ao irse de vacacións coa nena grande, a nena pequena e na espera de alguén máis, :D , hoxe xa se facía un pouco obrigado. Tres rápidas ao xadrez, dous cafés con xeo e apareceu ela polo Jazz, moi innecesariamente: ─Cóbrame aí o café do de Meira. ─Ten pago ─mentira válida, eficiente, óptima pola parte de Miqui. ─Deixa, Miqui, e cóbrame a min todo. Bota un Black Label para ti, outro para min e coloca para a seguinte, saes ti ─excedín en cortesía e enchedura de peito. Notei que ela me miraba revirado pero asumía de xeito diplomático a invitación. Colleu o Progreso e pasou a sentarse ao lado do curruncho onde acaba a barra e onde sempre se xoga ao xadrez. Soaba Donovan e iso envolvía a cousa semi-tensa, afrouxada polos acordes suaves do escocés. Miqui abriu coa de Larsen para fianchetar axiña. A min non me gustou pero ...

Manchester

Foi un día produtivo. Espertei cedo, de noite, e estaba en Manchester. De noite aclaro que era cando espertei aquí, polo cedo e aínda non saír o sol. En Manchester noite e día foron o mesmo. Véuseme á cabeza un día en Compostela, cando facendo a carreira alguén me veu dicir que eu fixera un traballo sobre Winterbottom. Era un señor portugués, que dixo que vivira en Manchester naquela época dos 80 do inicio da época de moda desa cidade. Fun á sala e collín Tristram Shandy e así pasei a mañá. O portugués era Miguel Esteves Cardoso. Del é isto, nas “Esplicaçoes do Português”, que puxen en galego RAE sen saber ben o motivo, só para se alguén anda por Meira á tarde, creo: “Saír dos días. Non durmir. Non falar con ninguén. Quedarse fóra do lado de fóra. Ocupar o corazón. Á forza. Ser coma el. É moi bo e fai moi ben. Saír de nós. Caer nos outros. Non escribir. Ler. Non pensar. Lembrar. Os amigos quietos. O murmurio das risas que botaron. A familia parada. O colo onde cabe a cabez...

Esconderse entre palabras

Sete rapazas estanme mirando mal. Se cadra me excedo no de chamarlle rapazas. Están aí, aí. De nenas xa sei que pasan. Son rapazas novas. Mozas? Aceptamos mozas porque o digo eu. Sete mozas estanme mirando mal. Estou nunha biblioteca, que hai 500 anos era cuadra e está adicada a un tipo que hai 800 anos escribía poesía para cantala, e elas creo que teñen que estudar. Ía contar aquí, coma sempre, o que soñei esta noite pero todo o que me envolve é demasiado. Estou acabando de ler o segundo libro desta semana e non consigo afacerme a iso. A acabar, me refiro. Pásame coma co viño ou cos bicos. Gústanme aqueles que botas un anaco desexándoos e empezan con todo, cun sabor que entra de golpe e vai pedindo máis e máis, apurando os tempos. Logo desfanse e logran envolvelo todo, estirándose. Corren contra o final volvéndose doces pero rematan sempre antes do que un quere. Co viño sempre podes botar máis mentres quede na botella, cos bicos é máis complicado. Polo menos para min. Menos nos soño...