4 minutos, 240 segundos. Toda a súa vida transcorría nese ciclo. Tempo de máis para pensar ata que as ideas na cabeza se volvían en contra del. Sabía como facerlles fronte, aplacar as cousas máis duras con outros pensamentos fermosos, pero el non estaba alí para ser un poeta. Tiña a sensación de estarse convertendo nun domador, pechado nunha gaiola xunto ás feras, a veces eran tigres bengalís e a veces leóns africanos, pero el era o domador e estaba só, cun látego e as feras. Na maioría das veces era capaz de domar todas esas feras, as ideas, e facelas pasar polo aro, mais outras veces tiña que sacar o látego con firmeza e estalalo na súa cabeza. Eran 240 segundos, tiña que ser forte, despois viñan outros 240 segundos de calma, e así durante 14 horas da súa xornada laboral que se estendía 7 días á semana. Coñecía os ciclos do lavapratos á perfección, eran 240 segundos. A veces, días de moito traballo nos que a morea de pratos pasaba das 5 reas de 2 metros, apuraba un pouco o tempo e c...