Hoxe o mundo pareceume moi pequeniño, púideno ver enteiro. Aliñáronse tres factores que nunca antes coincidiran na historia do universo e nunca van volver a coincidir en millóns de anos: esa señora gadañando na herba nas curvas do Paraxó, o ciclista gordo co maillot do Astana que pasaba ao lado e, conformando un último punto para crear unha liña recta perfecta, o Q7 branco á súa vez a continuación do ciclista a velocidade constante. O meu punto de observación creou ese momento. Pareceume que incluso houbo un punto máxico porque foi coma se vise todo a través dun cristaliño temporal que arrebolaba a miña percepción sobre unha masa etérea, o coñecemento existencial profundo da continxencia. Comprobar que non me atopaba baixo o efecto de ningunha substancia diferente dun café con leite, lonxe de darme seguridade, sumiume nun limbo, púxome pisando un cable, coma se aínda non saíse de todo da cama e do soño. Pero ía conducindo, polo que fóra da cama estaba... pero e do soño? ...