Saltar ao contido principal

Traxe voador

Hoxe espertei bastante tarde porque foi unha noite como acostuman a ser ultimamente. Tiven calor, destapeime a tope e logo veume o frío, o que esixe outra volta acurrunchado, polo que din esa volta na cama até que me pareceu ben. Espertar, espertei antes, pero quixen facer unha recapitulación (desde dentro da cama) do que soñara, porque nestes días de atrás que veu a nós un frío de non quitar o tallo até maio, ou até que che manden, estou volvendo aos soños do inverno. Nos soños do inverno adoitan vírseme cousas de veráns e calor, non de neve e xeada. Así foi, pero o especial destas noites é a temática, algo nova para min pero que dá moito xogo: soñar co terror. É terror, non medo, pois normalmente o medo xa é en si a estratexia do soño para espertar. Hai medos bonitos (estou falando dos soños) como aquel que tiven cando aparecía na miña cama un paxaro pequeno que se convertía nunha rapaza diminuta, de tamaño dun xoguete, e ía medrando moi rápido ao meu lado.

Dos soños de terror destas noites non vou dicir nada, non me teñen argumento ningún, pero si teño un dos outros que é o meu repetitivo. É o soño común que temos moita xente de voar ou ir de salto en salto vendo todo desde arriba até caer. Normalmente a min vénme o de saltos xigantes pero o de esta noite, con varias fases, era de voar. Para iso estaba equipado cun traxe semellante a estes de caída libre pero que voaba de verdade. Andei por toda a cidade e puiden ver como había moita máis xente preparando traxes coma o meu para saír por aí a voar. Non tiña moito de especial o que vin. Só me fixo gracia e ilusión que estaba un amigo facendo un número para nenos e nenas nun teatro ao aire libre, como naceu o teatro (e onte foi o día do Teatro), e facíalles berrar pedíndome que os saudase desde aló arriba. Despois baixei e comprobei a pé o que vira desde arriba e incluso puiden darlle á xente que se estaba preparando para tamén saír cos traxes voadores algúns consellos sobre como orientarse ou que zonas da cidade e da montaña se vían mellor desde que sitios.

Supoño que non vos destes conta -eu tardei, pero por primeira vez, ao ter este traxe voador especial, puiden aterrar sen espertar. Creo que fixen unha hibridación, simbiose, conexión, empate entre soños, como veño facendo ultimamente, e polo tanto si semi-espertei despois da aterraxe pero, prevendo que podería pasar isto, no voo equipeime cun traxe. Ou se cadra non. Se cadra o voo foi coma un voo de soños dos de sempre pero, desta vez, tiven que inventarme despois na cabeza o do traxe voador para que tivese sentido que seguise soñando pola cidade despois de aterrar tranquilamente. 

Un cacho despois, espertei. Creo.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

partida pendente

Hoxe está sendo un día estraño, ou está acabando de ser, 10% día / 90% noite. Pasei moito tempo para esta frase. 100% noite. Había xa un par de semanas que non vía a Miqui, ao irse de vacacións coa nena grande, a nena pequena e na espera de alguén máis, :D , hoxe xa se facía un pouco obrigado. Tres rápidas ao xadrez, dous cafés con xeo e apareceu ela polo Jazz, moi innecesariamente: ─Cóbrame aí o café do de Meira. ─Ten pago ─mentira válida, eficiente, óptima pola parte de Miqui. ─Deixa, Miqui, e cóbrame a min todo. Bota un Black Label para ti, outro para min e coloca para a seguinte, saes ti ─excedín en cortesía e enchedura de peito. Notei que ela me miraba revirado pero asumía de xeito diplomático a invitación. Colleu o Progreso e pasou a sentarse ao lado do curruncho onde acaba a barra e onde sempre se xoga ao xadrez. Soaba Donovan e iso envolvía a cousa semi-tensa, afrouxada polos acordes suaves do escocés. Miqui abriu coa de Larsen para fianchetar axiña. A min non me gustou pero ...

mellor canto antes

A primeira cita que tiveron el e ela foi concertada e, por riba, con diñeiro polo medio. Chamou el para solicitar os servizos e quen cobraba era ela, como pasa por desgraza case sempre nestes casos. Para el todo aquilo aconteceu moi rápido. Así, un día, sen máis, apeteceulle dar unha volta á súa vida, cambiar o que levaba facendo 15 anos ─e non se refería precisamente a deixar de saír en calquera noite de luns a domingo─, e ser, en definitiva, el o dono da súa propia vida. Había tanto tempo diso que xa nin o lembraba mais a reacción non foi nostálxica, foi de tomar a dianteira e ir contra todo. Aínda así, a decisión custoulle tempo. Mirou nesas follas onde adoitan aparecer os números da xente profesional que se adica a iso e localizou á que estaba máis preto: ela, a poucos metros da súa casa. El aínda non sabía que era “ela”, mais ía, agora ou despois, chamala. Un par de horas máis tarde, que non obstante pasaron bastante rápidas porque foron desas tan definidoras do inverno, nas...

23-04

Esperto ás sete da mañá dun día tan bonito que semella que neste recuncho do planeta absolutamente todo está en “flor”, todo se abre e brota e hai máis cousas das que podemos descubrir: luces prismáticas, aromas prismáticos, algo case doloroso de tan bonito. A luz matinal é dourada coma o diñeiro e derrámase polas ventás que dan á serra cara o leste. Pero o que me emociona é a sombra, a luz imposible de definir, o pradairo entre os eucaliptos coas súas follas aínda non formadas, dunha beleza estremecedora, que non é a árbore mesmo unha entre millóns, un elo nunha longa cadea de vivencias que comezan na infancia, na Flor. Domingo de feira. Hai dous mundos coñecidos, o visible e o invisible, e esa gota de viño e o pan é o vínculo que os une. Sinto as campás. Paréceme ver a cadea do ser que ascende desde o fondo da terra até o ceo. Duchareime e baixarei mercar un queixo e tomar algo? Teño que cortar o pelo. Debera. Xa todos mo din. Ata meu pai, que acaba de virme espertar á habitación...