Esta noite os soños viñeron todos contra miña, merecidamente. Tratei de espertar axiña e aplacalos e fíxeno peor: en vez de 5 ou 6 foron 10 ou 15 de espertares leves pero duros cun reinicio constante. Só lembro con especial cariño un dos últimos nos que un amigo turco me facía unha oferta de emprego para a súa tenda de produtos cárnicos e queixos gourmet e eu marchaba con el. Foi o que quixen lembrar. Xa na ducha pensei en que todo podía ir a peor. O champú que uso é de bote tamaño familiar e non me entra no neceser. “Xa comprarei un pequeno que si que entre”. “Alá haberá xa deses pequenos”. Se cadra dentro de min xa non me entran moitas cousas que quero facer ben e acaban mal. Onde compro outro eu no que collan? Isto dáme para pensar un cacho, mentres cepillo os dentes, e son dos que me estendo niso. No de cepillar os dentes. “Onte paseime toda a mañá fregando os tres baños que temos na casa, si, un para cada un, e o peor limpo é o meu”. Secar o pelo, retocar un pouco a barba. P...