Saltar ao contido principal

Publicacións

agora é

Levo desde pola mañá pensando nun bico. Só nun. Un bico de inverno, de cando sobre a noite está caendo unha xeada de baixo cero pero sentes os beizos arder. Un bico de pé, abrigo contra abrigo e mans con guantes nos petos. Nariz, por suposto, frío. Onte estiven tomando algo cuns amigos no bar no que hai 90 anos se enchía Hemingway. Sentín unha certa sordidez, quería experimentar tamén unha chea épica pero controlada, de chegar á casa e escribir coma un tolo páxinas que ao erguerte borras cun click e con vergoña. O caso é que pensei na relación del con Dos Passos e pensei que está por escribir unha novela coma Manhattan Transfer na que Compostela sexa a protagonista e as personaxe só vaian e veñan por ela. Tamén está por vivir. Están pasando cousas moi raras. De verdade. Pero ese bico segue aí. Agora é unha viaxe vendo toda a costa preciosa en primavera desde o coche cun amigo. Agora é un espertar de resaca contigo na cama. Agora é éxtase de chegar de correr 40 quilómetros. A...

escenas

Non vos ten pasado que fases ou situacións da vosa vida se asemellan incriblemente a partes dalgunha das vosas películas favoritas, ou que sen ser favoritas recordades con nitidez, ou que incluso sen recordar con nitidez asimilades e vos dades conta que algo de cinematográfico teñen? A min tenme pasado, e un pouco así me pasou esta mañá durante a primeira hora despois de erguerme. A escena en si tiña algo de patético no sentido do étimo do pathos, paixón e sufrimento. Respondía á imaxe central dun individuo de mediana idade conducindo só a través do Milladoiro nun utilitario vermello. Tiña unha carga emotiva moi forte porque ía chorando abertamente, mentres intentaba cantar balbucindo entre bágoas De música ligera . Entendemos que el tamén desexaba naquel momento espertar querendo soñala, que algún tempo atrás pensou en escribirlle pero que daquel amor nada máis queda. A canción rematou e coas sinais horarias das 11 en punto ollou para unha parella, moi finamente vestidos os d...

un día máis

Noutra entrada xa moi pasada do blog falei da dor e do sufrimento . Da necesidade de sobrepasar a dor e non caer no sufrimento. Evitar a dor a veces é imposible, pero o sufrimento é a historia que xeras arredor desa dor. Hoxe fáiseme imposible tanto unha cousa como a outra. Nunca fun moito de Nietzsche, pero el afirmaba, creo que de xeito bastante acertado, que na dor hai tanta sabedoría coma no pracer; ambos os dous pertencen ás forzas primordiais que conservan a especie. De non ser así terían desaparecido hai moito tempo; o feito de que faga dano non constitúe un argumento contra el, senón que é a súa natureza. En canto a dor dá o sinal de alarma chega o momento de diminuír a enerxía; un perigo grave, unha tormenta próxima, e faremos ben en inflarnos o menos posible. É certo que existen persoas que ante unha dor inminente obedecen ao mandato contrario, e que nunca se mostran tan orgullosos, guerreiros e felices como cando se levanta unha tempestade; a dor é o que lles brinda os seus...

gasolina

Teño na mesiña de noite ao carón da cama unhas follas e un caderno para apuntar cousas que se me ocorren soñando. Se cadra nunca durmo: vivo e soño, ou ao mellor soño en vida e durmindo, que é vida tamén. Igual estou lendo moito a Pessoa. O caso é que hoxe viña no coche, invadido por un olor a gasolina que nunca tivo. Non era traballo da imaxinación, senón de pasar un día o grupo electróxeno despois da xira no seu maleteiro. Ti viñas ao lado. Eu non quería mirarte. Centrábame en desfrutar das combinacións de luces que tiña diante de min, unhas luces que descubrimos xuntos, os catro. Esas luces das que ves o seu halo saír ata chegar ao teu ollo, que se prolongan como fíos impresionantes, que se xuntan coa dor de barriga e o nerviosismo de non saber que está pasando. Soou un clin clin de botellas de viño que ían nos asentos detrás nosa. Treixadura, mencía, godello, sousón. Do Ribeiro, de Vilachá, de Valdeorras. Mireite e souben que te botaba de menos. Entón empecei a facer d...

Días de acariciar con palabras

Levo un tempo sentíndome afortunado. Sempre dixen que son moi feliz con pequenas cousas. Sen darme conta vinme rodeado de persoas honestas (como case sempre tiven a sorte de verme). A xente veme a min e nótame feliz. E eu boto cousas de menos. A Reixa, que quere ser o Jazz&Beer de Compostela, non abre polas tardes, non hai un Miki do que aprender e xogar ao xadrez, nin un Antonio ao que escoitar falar das súas revoltas no Partido Comunista de alá. Pero hai un Juan Carlos que che abre o seu estudio da Rúa Nova para regalarche viño e humanidade. Notas que hai xente que te empeza a querer. Logo está a outra fase, na que aparecen os amigos que hai tempo que non ves e que sempre estiveron aí e seguirán estando, que te veñen ver. Aparece tamén xente á que querías ver. Atopas xente por todos lados. Xente que te lembra pero que ti incluso con dificultade podes ubicar. Aparecen abrazos coa mirada, bicos coas mans. Hoxe é un día así. De acariciar a xente con palabras.

Confía en min, estou mentindo

Ultimamente estou bastante centrado no tema marketing online, posicionamento, e demais. Penso en que a clave está nunha mensaxe que leo espetada nunha sinal de advertencia na estrada que vai do Milladoiro á Ramallosa: “Perigo. Saída de vehículos pesados de fábrica......” e non sei que máis... que non me lembro! Que se o acabo de ler é debaixo xa do camión! Coñecín a Ryan Holiday, un chaval xornalista máis novo ca min que vai pola vida dicindo que el é máis listo ca ninguén e que se pasa a vida enganando ao seus seguidores e blogueiros, aos que seduce con toda clase de artimañas. Confía en min, estou mentindo, arrebola xa na portada, e cando pasa á introdución non lle importa que se che puxeran xa os pelos de punta. O seu é o marketing, a estratexia e a publicidade en liña. Este en liña cóbreo todo, e á vista está que o fai non só por diñeiro, senón para divertirse e sentir o poder aínda que, engade rapidamente, que todo iso non é máis que unha estrataxema para ocultar a dura verda...

Estudar nas bibliotecas e ser personaxe

Andaba polas redes sociais hai uns días unha noticia que dicía que Suecia estaba pensando reducir a xornada laboral a 6 horas para gañar produtividade. Non me parece nada mala idea. Sempre fun dos que di que mellor pouco tempo aplicado ao cen por cen que moito e pouco aproveitado. Nunca fun de estudar nas bibliotecas, parécenme lugares excesivamente propensos á distracción: xente que entra e que sae, chans e cadeiras ruidosos, libros que agardan a ser folleados... Eu era de pixama, madrugar, almorzar ben, estudar, ir correr ou facer algo de deporte, xantar con calma, estudar de novo na casa. Se cadra por iso me chamou tanto a atención a noticia de portada do xornal compostelán na que saían ducias de universitarios facendo cola para ir á biblioteca do centro do campus para estudar despois amoreados coma sardiñas en lata Escurís (publicidade). Gústame traballar e dar o máximo. Gústame aplicarme en todo o que fago. Gústame poder ao acabar a mañá ir xantar, tomar un café, abrir u...