Saltar ao contido principal

Publicacións

soa Steve Vai como Dylan Thomas

Viña eu para aquí mentres soaba Steve Vai nun disco que para min tamén é un libro porque foi o que soou durante as horas que me levou lelo de tirón. Non tedes ningún disco que tamén vos soe a un libro? Viña para aquí pensando en darlle un abrazo a un amigo e tiven que dar varios. Viña para aquí, en definitiva, canso e con ganas de todo ao mesmo tempo, porque a tarde do venres foi de chorar tanto como a de xoves foi de encontros. Dixéronme que me ulía o pelo moi ben, porque ulía a fogar, a casa da avoa. E con iso todo o que evocaba. Do que estou seguro é de que me ule a Fogar, e o que me parece é que ule a fume. E aínda que o laves queda algo e pégase na almofada e de aí aos soños. Por certo, que esta noite soñei que ía a aulas de actitude punk que daba O Leo. E na primeira clase eu queimaba unha man e tiña que marchar. Tamén me acordo que a bebida era Jameson, como a de Dylan Thomas. Lede un relatiño precioso, de Rubem Fonseca, sobre o seu encontro con Dylan Thomas. Eu a...

a nogueira de Crecente que meu pai plantou cando eu nacín

Estou escoitando unha canción que con 11 anos poñía para chorar, xa a letra o di. E desde pola mañá non parei de ver amigos. Unha Meira preciosa. Xente que me bota de menos aínda que só pasaron tres semanas. Meira preciosa en bicicleta. Un estraño sol de outubro que era coma o sol de antes de marchar pero que o cambiou todo. Sempre fun malísimo xestionando as miñas emocións. Hoxe comentábao cunha amiga. Son feliz con nada. Síntome realizado intentando ser quen son e confórmome con non enganar a ninguén. Aspiracións? Se cadra tivo máis ca min aquel profesor que contaba que chegase moi alto. E xa cheguei. Houbo alguén que me quixo. Vou ir polo coche, comprar queixo, sorrir. Por esa orde. Ou se cadra polo medio roubo algunhas noces da nogueira de Crecente que meu pai plantou cando eu nacín. Si, irei por noces. Queixo con noces. A canción era de Fairport Convention – Meet on the ledge.  

Confiar

Hoxe acordeime de que un día tiña que falar dos martes, porque sempre escribo xoves e hoxe é mércores. Realmente tiña pensado empezar por onde empeza todo, por espertar abrazados ou unha chamada para tomar algo cos amigos cando máis che fai falta. Son fanático das pequenas cousas, xa o sabedes, e creo no poder dun sorriso e que un abrazo a tempo pode salvar vidas. Tamén creo nos viños en vaso Duralex e no futbolín. Creo nas cousas que fan falta e onte facía falta. Hai que confiar na xente, descubrir grupos novos e aprender que en galego non hai o sufixo superlativo ísimo, así que xa non podo quererte moitísimo. Pero si podo seguir completamente tolo, deixar que me leves ver a Francisca Valenzuela e a Joe la Reina, cear na Nosa Terra e despois xa se verá. Apetéceme iogur, entón levántome, cólloo, boto un pouco de marmelada de amorodo e o sol sae coa condición de vernos sorrir. A ninguén lle parece importante instalar as actualizacións.

agora é

Levo desde pola mañá pensando nun bico. Só nun. Un bico de inverno, de cando sobre a noite está caendo unha xeada de baixo cero pero sentes os beizos arder. Un bico de pé, abrigo contra abrigo e mans con guantes nos petos. Nariz, por suposto, frío. Onte estiven tomando algo cuns amigos no bar no que hai 90 anos se enchía Hemingway. Sentín unha certa sordidez, quería experimentar tamén unha chea épica pero controlada, de chegar á casa e escribir coma un tolo páxinas que ao erguerte borras cun click e con vergoña. O caso é que pensei na relación del con Dos Passos e pensei que está por escribir unha novela coma Manhattan Transfer na que Compostela sexa a protagonista e as personaxe só vaian e veñan por ela. Tamén está por vivir. Están pasando cousas moi raras. De verdade. Pero ese bico segue aí. Agora é unha viaxe vendo toda a costa preciosa en primavera desde o coche cun amigo. Agora é un espertar de resaca contigo na cama. Agora é éxtase de chegar de correr 40 quilómetros. A...

escenas

Non vos ten pasado que fases ou situacións da vosa vida se asemellan incriblemente a partes dalgunha das vosas películas favoritas, ou que sen ser favoritas recordades con nitidez, ou que incluso sen recordar con nitidez asimilades e vos dades conta que algo de cinematográfico teñen? A min tenme pasado, e un pouco así me pasou esta mañá durante a primeira hora despois de erguerme. A escena en si tiña algo de patético no sentido do étimo do pathos, paixón e sufrimento. Respondía á imaxe central dun individuo de mediana idade conducindo só a través do Milladoiro nun utilitario vermello. Tiña unha carga emotiva moi forte porque ía chorando abertamente, mentres intentaba cantar balbucindo entre bágoas De música ligera . Entendemos que el tamén desexaba naquel momento espertar querendo soñala, que algún tempo atrás pensou en escribirlle pero que daquel amor nada máis queda. A canción rematou e coas sinais horarias das 11 en punto ollou para unha parella, moi finamente vestidos os d...

un día máis

Noutra entrada xa moi pasada do blog falei da dor e do sufrimento . Da necesidade de sobrepasar a dor e non caer no sufrimento. Evitar a dor a veces é imposible, pero o sufrimento é a historia que xeras arredor desa dor. Hoxe fáiseme imposible tanto unha cousa como a outra. Nunca fun moito de Nietzsche, pero el afirmaba, creo que de xeito bastante acertado, que na dor hai tanta sabedoría coma no pracer; ambos os dous pertencen ás forzas primordiais que conservan a especie. De non ser así terían desaparecido hai moito tempo; o feito de que faga dano non constitúe un argumento contra el, senón que é a súa natureza. En canto a dor dá o sinal de alarma chega o momento de diminuír a enerxía; un perigo grave, unha tormenta próxima, e faremos ben en inflarnos o menos posible. É certo que existen persoas que ante unha dor inminente obedecen ao mandato contrario, e que nunca se mostran tan orgullosos, guerreiros e felices como cando se levanta unha tempestade; a dor é o que lles brinda os seus...

gasolina

Teño na mesiña de noite ao carón da cama unhas follas e un caderno para apuntar cousas que se me ocorren soñando. Se cadra nunca durmo: vivo e soño, ou ao mellor soño en vida e durmindo, que é vida tamén. Igual estou lendo moito a Pessoa. O caso é que hoxe viña no coche, invadido por un olor a gasolina que nunca tivo. Non era traballo da imaxinación, senón de pasar un día o grupo electróxeno despois da xira no seu maleteiro. Ti viñas ao lado. Eu non quería mirarte. Centrábame en desfrutar das combinacións de luces que tiña diante de min, unhas luces que descubrimos xuntos, os catro. Esas luces das que ves o seu halo saír ata chegar ao teu ollo, que se prolongan como fíos impresionantes, que se xuntan coa dor de barriga e o nerviosismo de non saber que está pasando. Soou un clin clin de botellas de viño que ían nos asentos detrás nosa. Treixadura, mencía, godello, sousón. Do Ribeiro, de Vilachá, de Valdeorras. Mireite e souben que te botaba de menos. Entón empecei a facer d...