Saltar ao contido principal

Confeitura no aeroporto

Esta noite, entendo que polas ganas que tiña de coller un avión que me levase de novo por aí, soñei con iso. O estraño era que viña meu pai comigo e incluso me guiaba. Cando espertei pensei bastante nisto, en facer unha viaxe con meu pai polos sitios nos que estivo, ir a onde miña nai e el se coñeceron. Non é nada novo, xa o teño pensado e fareino, pero é a primeira vez que pensei en facelo indo os dous xuntos.

O aeroporto era moi mal feito pero tiña de todo. Xusto cando embarcamos avísannos de que teñen que facer un cambio urxente dunha peza dese avión e que resulta máis rápido cambiala que mudarnos a todos de avión, polo que piden se alguén se ofrece para axudar a empuxar a peza desde o almacén de onde hai que traela. Alí saímos varias persoas do avión e atópome con algún excompañeiro de traballo. Conseguimos axudar a facer a montaxe e volvemos para embarcar de novo. Nese momento eu despisteime porque todo o aeroporto eran escaleiras mecánicas moi altas, de até 6 alturas, e ían a moita velocidade, co que non era fácil coller as que che correspondían. Unha vez que cheguei á altura que me tocaba empecei a correr e tiven que pasar polo medio dunha gran tenda de froitas. Non era algo estraño, xa que en cada altura do aeroporto había xigantescas tendas nas que si ou si tiñas que pasar polo medio e cada tenda era dun produto específico. Nese atallo pola tenda de froitas polo que eu pasaba correndo vin como a unha das dependentas lle caía un melón branco, do que eu non daba apartado, dándolle unha forte patada. Quedou medio mazado, entón deume vergoña e collino para levalo e fun pagalo. Na caixa, un rapaz moi simpático díxome que non me sentise obrigado, pero que era un melón moi bo e que se quería desfrutalo como se debía que era mellor que me levase unha confeitura especial dos que tiñan variedade. Escollín o de froitos do bosque. Cando fun pagar leveime a sorpresa de que eran 3 euros do melón e 21 do botiño de confeitura. A miña reacción foi dicir que me acababa de dar conta de que non levaba cartos, que me quedara a carteira no avión porque baixáramos correndo varios pasaxeiros a axudar con un problema nunha peza do avión. Pola cara do dependente parecía non resultar moi crible o meu argumento, polo que o solucionei espertando.

Despois fiei varios soños dos que de dous polo menos non me lembro, pero si que me lembro doutros dous deles e que vou poñer moi breves porque non me apetece desenvolvelos porque, polo menos un deles, teñen detrás unha carga de lembranzas e filosofía moi grandes.

Este que digo que é moi forte é está baseado nunha carreira que, basicamente, consiste en atravesar unha cidade a través de diferentes probas. As probas comezan con cousas de correr, saber por onde ir, recoller sinais, pero van pasando a ter que ir escorréndose por un sumidoiro, subir case escalando un edificio... Chegábase a un punto de controlo no que avaliaban eses resultados nas probas e logo analizábanche o corpo, facíanche preguntas concretas sobre que viras na cidade e iso tamén puntuaba ao final. Nesa carreira os que competiamos eramos amigos, xente que nos queremos moi ben, había moito detrás. En cine ou literatura é moi complicado describir e mostrar ese tipo de cousas, algo que non está á miña altura, polo que queda no aire.

O último dos soños foi acompañando á miña xefa en varios locais e espazos onde fixemos ou se estaban a facer traballos de deseño e integración no espazo. Ao ir pola rúa, como ela era unha persoa moi querida, todo o mundo a ía felicitando e dándolle as grazas xa que foi das persoas pioneiras en promover a accesibilidade total para todxs.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

partida pendente

Hoxe está sendo un día estraño, ou está acabando de ser, 10% día / 90% noite. Pasei moito tempo para esta frase. 100% noite. Había xa un par de semanas que non vía a Miqui, ao irse de vacacións coa nena grande, a nena pequena e na espera de alguén máis, :D , hoxe xa se facía un pouco obrigado. Tres rápidas ao xadrez, dous cafés con xeo e apareceu ela polo Jazz, moi innecesariamente: ─Cóbrame aí o café do de Meira. ─Ten pago ─mentira válida, eficiente, óptima pola parte de Miqui. ─Deixa, Miqui, e cóbrame a min todo. Bota un Black Label para ti, outro para min e coloca para a seguinte, saes ti ─excedín en cortesía e enchedura de peito. Notei que ela me miraba revirado pero asumía de xeito diplomático a invitación. Colleu o Progreso e pasou a sentarse ao lado do curruncho onde acaba a barra e onde sempre se xoga ao xadrez. Soaba Donovan e iso envolvía a cousa semi-tensa, afrouxada polos acordes suaves do escocés. Miqui abriu coa de Larsen para fianchetar axiña. A min non me gustou pero ...

Meira-Praga (1/2)

Hai uns días pasoume que planifiquei un soño dentro dun soño, o que excedeu o de ter o dominio para poder ir e vir neles e que xa me tiña pasado. Diante dunha situación dada puiden desenvolver un argumento que me pareceu ben, re-pechar os ollos e seguir adiante coa historia. Esta noite non conseguín chegar a ese punto pero intenteino. Sei con certeza que unha parte importante dos microespertares que me levan estes días a acanearme sobre unha diversidade onírica, por outra parte sempre moi presente na miña cabeza, veñen motivados por diminutas picaduras de mosquitos. Hoxe a conxunción aínda se fai máis evidente xa que, ademais de por todo o corpo, na punta do dedo grande da man esquerda teño, en forma de inchazón, os restos da cea desta noite dun deses mosquitos polo que me acordo del a cada “d”, “c” ou “e” que tecleo. Pois ben, nunha das primeiras fiadas propúxoseme unha viaxe de mochileiro por Centroeuropa. Pareceume correcto. Entón dinlle unha volta para ter polo menos algunha moti...

cousas de moda polo paro

Que teñen en común o running (correr, de toda a vida, vaia), o mar cando hai temporal, o Camiño de Santiago e a neve no Cebreiro? A súa capacidade para destapar a estupidez humana podería ser unha resposta axeitada, pero hai outras dúas das que quería falar: dunha banda está que son cousas que se puxeron de moda ultimamente ir visitalas ou levalas a cabo, é innegable. Doutra, comparten as que para min son as tres causas fundamentais de chegase o seu momento de gloria: 1 - Son baratas e, polo tanto ideais para estes tempos de crise. 2 - Cada vez hai máis xente desempregada e ten máis tempo libre para facelas. 3 - Son actividades xeniais para compartir polas redes sociais porque… acaso se fan hoxe en día as actividades de ocio para outra cousa?