Saltar ao contido principal

Publicacións

T-bone steak from Verín

Onte saudoume un home que eu non coñecía. Vaia, en realidade si que o coñecía, ou coñecino hai un tempo e esquecérame del, pero el acordábase de min. Veu falarme. Saudoume e sorriu: ─Ei, ese de Lugo, e que fas por aquí, de vacacións!? ─Dando un paseo... estou traballando cerca de aquí... ─dixen con moita timidez e sen aínda conseguir recoñecelo. ─Ahhh! Pensei que estarías de vacacións. (custoume asociar vacacións con estar en Ourense) ─Non! Levo pouco tempo traballando en Chantada e hoxe vin dar unha volta por aquí. ─Está ben, a pasar calor viñeches, heheh! ─A verdade é que aquí non se para, mimadriña! ─Xa te irás afacendo... E por Barcelona, non volviches nada? Nese momento quedeime calado, absorto. Recoñecíame de Barcelona. Un flash na cabeza levoume ao mercado de Santa Catarina, vinme comendo ostras francesas e falando coa señora de Ourense que tiña unha labia enorme e me contara que casaran e viñeran xa para o mercado había 30 anos. Pero non era o home dela quen me recoñ...

E vas e vés

Subín de Meira na bici despois dunha tarde moi gostosa tomando algo con quen non quedara. Sabedes que eu sempre acostumo a baixar só, a atoparme con alguén, aínda que sexa comigo mesmo. Pensei en Yoñlu. Víñeno cantando cando rememoraba a Vitor Ramil. “estrela, estrelaaa...”. “E vas e vés coma un avión ao vento frío dun lugar calquera. É bo saber que es parte de min”. Díxoo todo e, con 16 anos, cando nós tiñamos 21, decidiu marchar. Estas cousas son enormes. Acabo de esbirrar mentres cepillaba os dentes e o cristal do cuarto de baño pingouse todo de gotiñas brancas. Todo esvaído. Pensei en que subín na bici sen luces, pero pola beirarrúa. Se veñen os gardas e me ven sen chaleco reflectinte podo dicir que vou a pé porque non paso de 6 km/h. Pensei en que se cadra un coche podía desviarse e atropelarme. Pensei en Barthes, a quen atropelaron e tardaron en recoñecelo varios días até que alguén o botou de menos. Barthes escribía do que lle daba a gana, “a linguaxe é o mundo”. Escribir que ...

o río

Levo uns días perdido ex proceso. E digo ex proceso porque me encanta a xente que di ex proceso. Do pobo. Xente rasa. A quen lle importa que sexa ex professo? A min non, desde logo. O bacharelato é barato (vaia rima de merda indesexable) pero cada un fai até onde quere chegar. Onte e hoxe fun de paseo ás beiras dun río, aquí anchísimo e fondo, pero que por onde eu nacín pasa coma un regato, ilegal, porque nacer nace máis abaixo, na Pastoriza. Senón sería o primeiro río do mundo que corre cara arriba. As ladeiras dese río aquí son sorprendentes, incógnitas, doces e ao mesmo tempo inhóspitas. Incógnitas e inhóspitas riman e non me pareceu ben outra vez. O caso é que andei unha boa ruta desfrutando da paisaxe e de todo o que a envolve. Viña onte xa de volta, nun estado doce da imaxinación mesturada co ambiente, que é moi fácil vivir e sentilo pero pouco fácil poñelo en letras ou nunha pantalla, e considerei útil anotar no Iphone o que estaba sentindo. Pode parecer unha cousa “profunda” ...

Voar por Chouzán

Igrexa de Chouzán Esta noite soñei moito (vaia novidade) e lembreime de todo (que estraño...). Pasou o ultimamente habitual de cando todo vai cadrando sen ter que ver unha cousa coa outra e fago coma se un soño fiase co outro para disimular que espertei uns segundos polo medio. Encantoume unha parte, que vén sendo recorrente nos últimos meses, na que nun contorno festivo nos viamos todas. Nesta ocasión era algo referente á posta en valor de elementos arquitectónicos sobre todo da época máis longa dos libros de historia desde que naceu Cristo, a Idade Media. Supoño que foi porque pola tarde estiven un tempo perdido entre Chouzán e a Cova, neses restos dos lugares máxicos das monxas do XI-XII que, malia que os tiveron que subir arriba ao facer o embalse, manteñen aínda algo dentro de si. Non digo que saiba o que manteñen, pero para soñar chega. Volvo á festa. Estabamos todas. Cadaquén estaba no sitio que máis lle gustaba: aquel amigo que non aguanta un minuto ao sol metido no medio...

Pensar

Esta noite en vez de soñar, pensei. Pensei nos antollos, no cebiche e nunha boa cervexa. Durmín fóra e sooume a alarma do móbil agora, cando xa estou na casa escribindo. Pensei no ruído das persianas nas rúas da cidade ás horas nas que quere saír o sol e non dá feito. Néboa fina a da culpa. Pensei en se era feira ou sen feira. Pensei na tortilla de Moha, nun xadrez e un ron con Juan Carlos. Pensei nas noites do verán. No poder dun abrazo a tempo. No diferente que olen as mañás de Meira ás da Barrela. Sentín fame. Pensei na música que soaba cando fun pedir as últimas. Pensei no Cádavo, en ir contigo á Fontaneira. Unha pega que vén roubar noces aínda que non as dá comido, pero róubaas igual. Pensei en que el e ela as últimas etapas igual as fan do Primitivo. En saber como vai acabar unha historia cando aínda non está máis que empezada. Pensei en sentir frío cando estás fervendo. Na suavidade dun xemido feble. Durmir cos calcetíns postos. E pensei un pouco no ben que se sinte un cando t...

mellor canto antes

A primeira cita que tiveron el e ela foi concertada e, por riba, con diñeiro polo medio. Chamou el para solicitar os servizos e quen cobraba era ela, como pasa por desgraza case sempre nestes casos. Para el todo aquilo aconteceu moi rápido. Así, un día, sen máis, apeteceulle dar unha volta á súa vida, cambiar o que levaba facendo 15 anos ─e non se refería precisamente a deixar de saír en calquera noite de luns a domingo─, e ser, en definitiva, el o dono da súa propia vida. Había tanto tempo diso que xa nin o lembraba mais a reacción non foi nostálxica, foi de tomar a dianteira e ir contra todo. Aínda así, a decisión custoulle tempo. Mirou nesas follas onde adoitan aparecer os números da xente profesional que se adica a iso e localizou á que estaba máis preto: ela, a poucos metros da súa casa. El aínda non sabía que era “ela”, mais ía, agora ou despois, chamala. Un par de horas máis tarde, que non obstante pasaron bastante rápidas porque foron desas tan definidoras do inverno, nas...

26-06 Mans que fan un dano doce

Soñei ─e estiven─ toda a noite arredor dun castelo. Cada historia que acontecía tiña esa referencia á que non logrei atoparlle a explicación de por que motivo veu nestes días. Supoño que algo ten que ver esa historia que me anda dando voltas á cabeza: que desde a torre forte do castelo de Pambre se vexa a serra de Meira. Pero xa leva días aí. Esta noite eu pasei suavemente de ser un infiltrado do bando do exército rival que ía a introducir na sé da nobreza unha correspondencia que semellaba un ideado plan de ataque para desorientar as súas forzas, a quedarme no castelo, na casa do persoal de servizo, ocultado pola princesa, á que lle gustaba moito ler e tiña un can pastor precioso. Espertei con algo de frío pero ao taparme volveu o verán, estabamos cantando unha cousa similar a sirventés de escarnio ao lado dun río e todo estaba en paz. A princesa era loira e moi pequena (máis pequena aínda ca min!). Tiña unhas mans ananas, finas, que case non se vían pero que tampouco ocultaban nad...