Son un contrastado inimigo crítico coas valoracións e recapitulacións do que foi o ano que acaba que tanto abundan agora nas redes sociais, cheas ao mesmo tempo de tópicos, verdades, cousas profundas xunto a outras laxas e superficiais. Xa teño dito moitas veces que me gusta escribir porque supón un acto de reflexión. Agora que escribo dígome “seguramente o que hoxe poña aquí será unha merda, como o foi este ano que acaba”. Daríalle a “publicar” e xa estaría servida a miña incongruencia para todas vós. Vou esfaragullar un pouco máis o tema, pero xira encol de explicar o que me pasou este ano, experimentar a dor: a dor é consubstancial á natureza humana. É inevitábel experimentar dor diante dunha perda, outra cousa é o sufrimento. O sufrimento é a historia que eu me contei ao redor desa dor. Diante da perda da persoa se cadra máis importante da miña vida, suceso ante o que experimentei un grado absoluto da dor, paseime varios meses da miña vida cun diálogo interior no que a úni...